O auxe da extrema dereita, a análise na Coruña esta fin de semana

Concentración antifascista en Compostela

O Paraninfo da Universidade herculina acolle esta sexta feira e sábado varios coloquios abertos ao público sobre a perda de dereitos e liberdades, con relatores e relatoras que virán de Austria, Reino Unido, Andalucía, Euskadi e Galiza.

Os vindeiros sexta feira 15 e sábado 16 de marzo, o Paraninfo da Universidade da Coruña acollerá unhas xornadas de análise e reflexión sobre ‘O auxe do neofascismo e da extrema dereita en Europa’.

 

Durante dous días terán lugar coloquios e relatorios da mán de expertos e expertas invitados pola eurodeputada do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, en colaboración coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) e a propia Universidade da Coruña. O evento está aberto ao público, sen necesidade de inscrición previa.

 

A apertura do programa terá lugar a sexta feira 15 de marzo, a cargo da propia eurodeputada Lídia Senra; de Fernando Souto Suárez, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña; e de Julio E. Abalde Alonso, reitor da Universidade da Coruña.

 

No primeiro coloquio, baixo o título de ‘Retrato da extrema dereita en Europa’, intervirán Gabriele Michalitsch, politóloga e investigadora da Universidade de Viena; Pastora Filigrama, avogada e membro do Sindicato Andaluz de Traballadores/as (SAT); e Sophia Siddiqui, membro do Institute of Race Relations (Reino Unido).

O sábado,  abrirá a xornada un coloquio sobre o papel dos medios de comunicación e das redes sociais na divulgación da mensaxe da extrema dereita coa participación do xornalista Juan Miguel Baquero, o politólogo Antón Losada, a responsable de Comunicación de Ecos do Sur Natalia Monje e a vogal da asociación Xornalistas Galegas Claudia Morán.


Xa pola tarde, desenvolverase o coloquio sobre ‘Liberdades, dereitos civís e dereitos humanos en perigo na sociedade actual’, coa participación de Edurne Goikoetxea, membro de Altsasu Gurasoak; Adama Sow, da Asociación Sen Papeis da Coruña; e Miguelanxo Malvido, sindicalista da CIG. 

 

Para pechar a xornada, tomarán a palabra a eurodeputada Lídia Senra e Irene Tomé Urresti, membro da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.