A Coruña e Compostela porán en marcha tras o verán as primeiras taxas turísticas
O notábel crecemento que experimentou o turismo nos últimos anos na Galiza, co consecuente impacto que ten a masificación das grandes cidades e localidades costeiras durante o verán sobre a vivenda, a sanidade e outros servizos, está a levar os concellos a adoptar medidas que xa son unha realidade en moitas urbes europeas pero que no noso país resultan novidosas. Unha mostra disto é o límite ao prezo dos alugueres que o Concello da Coruña xa pode impor após ser declarado "tensionado" o seu mercado residencial e que o de Compostela tamén quere aplicar, se ben a súa solicitude está a topar con numerosas trabas por parte da Xunta da Galiza.
Outra das propostas para paliar o impacto da chegada masiva de turistas é a creación dunha taxa que grave, como xa acontece en moitas cidades do Estado español ou de Portugal, as estadías de curta duración. Un imposto que, tras superar nos últimos meses os preceptivos trámites, esta quinta feira foi aprobado oficialmente polas corporacións locais da Coruña e de Compostela.
Na Coruña, en setembro
No caso da cidade herculina, a medida contou co voto favorábel dos grupos do PSdeG –no Goberno– e do BNG, e coa oposición dos concelleiros e as concelleiras do Partido Popular. Entrará en vigor en setembro, e ten por obxectivo "facer fronte ao aumento dos custos na prestación de servizos públicos" que se deriva, asegurou o edil de Facenda e portavoz do Executivo que lidera Inés Rei, José Manuel Laxe, do incremento do número de visitantes.
O gravame oscilará entre os 1,5 e os 2,5 euros, en función do tipo de estabelecemento e até un máximo de cinco días de estadía. Haberá, ademais, exencións para menores de idade, deportistas que veñen á cidade por mor de competicións deportivas, e os cruceiros agardarán até o 1 de xaneiro. E as persoas residentes na Coruña que, por causas de forza maior, como obras nos seus domicilios, estean obrigadas a instalarse durante un tempo en locais hoteleiros tampouco abonarán a taxa, explicou Laxe, quen estimou en 2,5 millóns de euros os ingresos anuais previstos co gravame.
Tampouco pagarán –tal e como recolle unha alegación do BNG finalmente aceptada– as persoas participantes en congresos ou docentes que se despracen para impartir cursos de menos de cinco días. "O turismo é unha actividade moi relevante, mais como todas é necesario ordenala para evitar o impacto que pode ter na xentrificación dalgúns barrios", sinalaron desde a formación nacionalista. Desde o PP alegaron o seu 'non' censurando que a taxa chega "sen diálogo, sen consenso cos sectores afectados e sen presión turística que a xustifique", ao tempo que a cualificaron de "turismofobia" e alertaron de que podería "reducir a chegada de turistas", extremo que negaron socialistas e nacionalistas baseándose nas experiencias doutras cidades.
Compostela, en outubro
No caso da capital galega, o pleno deu luz verde esta quinta feira á taxa turística cos votos a favor das dúas forzas do Goberno –BNG e Compostela Aberta–, do PSdeG e dos catro edís non adscritos –ex socialistas–, fronte á abstención –que non voto en contra, a diferenza do sucedido na Coruña– do PP. "Hoxe é un día crucial para o futuro dos veciños de Compostela. Esta corporación ten nas súas mans dar un paso decisivo que na práctica implicará comezar a equilibrar os custos que xera a actividade turística na cidade", celebrou a concelleira de Turismo, Míriam Louzao.
O imposto terá vixencia a partir do 1 de outubro, e no prazo de seis meses crearase a comisión encargada do seu seguimento, que asumirá o Foro de Turismo Sostíbel, composto por representantes da corporación municipal, do sector e de asociacións veciñais. Aplicarase a estadías de entre un e cinco días, con pagos que van desde o euro por día até os 2,5 –prevendo unha recadación de até 3 millóns de euros ao ano–. O PSdeG criticou a "falta de diálogo" durante o proceso e o PP considerou o texto aprobado de "chapuza", pois, aínda que existe no pleno un "acordo político" en favor desta taxa, o Goberno local "non soubo facelo ben".
Tamén esta quinta, o pleno aprobou un Plan Económico Financeiro ao incumprir a regra de gasto por 6,7 millóns de euros.