En 2020 por primeira vez en Galiza

A Coruña acollerá o 24º Congreso Estatal de Astronomía

A candidatura presentada pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío foi a escollida para organizar a edición número 24 do Congreso Estatal de Astronomía. Será entre o 30 de abril e o 3 de maio de 2020.
 

A decisión coñeceuse no 23º Congreso, que estes días se celebrou en Cuenca. “É o principal punto de encontro das asociacións astronómicas do Estado”, sinalan dende Ío, “e reúne arredor de 300 afeccionadas e afeccionados á astronomía para pór en común o seu traballo. O seu obxectivo é dar a coñecer experiencias e avances na astronomía amdaora”.

 

O proxecto da asociación Ío para 2020 “conta co aval das principais institucións da Coruña e de Galiza, incluída a Universidade, que cede o edificio do rectorado”. Trátase da primeira vez que o país acolle o encontro, despois de 42 anos e 23 edicións.

 

Premios galegos

 

No Congreso de Cuenca foron distinguidos varios socios da agrupación coruñesa Ío no Concurso de Astrofotografía. O traballo de Ángel R. Arós foi galardoado como 4ª mellor do concurso xeral de fotografía e en Time-Lapse; Óscar Blanco, 2º premio en Gran Campo; César Blanco, 1º en Ceo Profundo; e Alfredo Madrigal, primeiro en Time-Lapse e Gran Campo, e premio ao mellor traballo do concurso.

 

Martin Pawley obtivo o premio da Federación de Asociacións Astronómicas de España á Divulgación Astronómica 2018. Foi a primeira vez que se outorgaron e Pawley gañou en categoría masculina “pola súa actividade de sensibilización arredor da contaminación luminosa”.