A Coruña acolle un festival de axuda a mulleres afgás

Unha muller fuxindo de Kabul (Afganistán) coas súas crianzas o pasado ano. (Foto: Europa Press)

Coas achegas que se reciban o sábado pensan facilitar a vida destas mulleres.

O concello de Sobrado dos Monxes estase a converter no epicentro galego de acollida de mulleres afgás que foxen do país tras o regreso dos talibán ao Goberno en agosto de 2021.

Desde o mes de marzo catro familias chegaron a ese municipio, a última grazas ao chamamento realizado pola Unión Astronómica Internacional (IAU) e que recolleu a catedrática de astrofísica da Universidade de Vigo, Ana Ulla, a Asociación Astronómica Ío e a asociación de mulleres rurais A Maristela de Sobrado dos Monxes.

Para este sábado, coa colaboración tamén da Asociación Cultural Alexandre Bóveda  Arte Viva e o Circo de Artesáns, organizarán conxuntamente un festival solidario na Coruña no que haberá artesanía, un obradoiro de astronomía e varias actuacións musicais. A intención do evento é recoller fondos para axudar nas necesidades destas mulleres afgás e as súas familias ademais de facilitar que poidan vir máis.

Mulleres perseguidas

A última en chegar ao municipio foi Elnaz Ulmani, de 16 anos, que corría perigo no seu país por ser muller, ter interese na astronomía e saber inglés, explica a Nós Diario Ángeles Sánchez, presidenta da asociación de mulleres rurais A Maristela. Con anterioridade chegaron "tres avogadas de dereitos humanos, unha delas perseguida desde o primeiro momento por ter encarcerado talibáns", relata.

Todas están integradas na comunidade até o punto que a primeira delas poderá "independizarse" das instalacións cedidas polo mosteiro onde residen agora. Coas achegas que se reciban o sábado pensan facilitar a vida destas mulleres.

"Primeiro conseguimos que se sacaran o permiso de conducir e agora queremos continuar", sinala Sánchez que engade con ilusión a posibilidade de que nun futuro "poidan vir máis".