Ciencia e investigación

Persoal investigador da USC acha na illa de Cortegada unha nova especie de fungo "única no mundo"

Aspecto do fungo achado en Cortegada polo persoal investigador. (Foto: USC)
Por outra parte, unha investigación da UDC describe un fenómeno químico nunca antes observado e que "excede os límites da razón".

Persoal investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de descubrir na Illa de Cortegada unha nova especie de fungos —physalacria auricularioides— única no mundo e que se localiza por vez primeira neste lugar.

Segundo informou a USC nun comunicado, o xénero ao que pertence, physalacria, inclúe máis de 40 especies coñecidas, case todas elas saprofitas —que se alimentan de materia en descomposición— e localizadas no hemisferio sur e nos trópicos.

Tal e como explica o investigador da USC Saúl de la Peña-Lastra, un dos responsábeis deste achado, "crese que as especies que se atopan no hemisferio norte foron introducidas alí xunto coas súas plantas hóspedes". Até o momento, a ph. stilboidea —especie hóspede Griselinia littoralis— e a ph. cryptomeriae —especie hóspede Cryptomeria japonica— eran as únicas especies de physalacria coñecidas en Europa.

A illa de Cortegada ten "unhas condicións ambientais, forestais e históricas que fan que sexa un enclave especial"

Esta nova especie é difícil de atopar debido ao seu reducido tamaño e á súa cor pouco destacada. Ademais, medra e aliméntase sobre as puntas das ramas mortas de castiñeiros. A USC lembrou que a illa de Cortegada presenta "unhas condicións ambientais, forestais e históricas que fan que sexa un enclave especial, non só na Galiza, senón no Estado español e en Europa", sendo "especialmente destacábel a presenza dunha laurisilva de gran importancia ecolóxica".

Nunha superficie tan pequena localizáronse até a data máis de 800 especies de cogomelos, estando o seu estudo aínda en curso —estímanse máis de 1.000 especies—. Os xabaríns son neste lugar o inimigo principal dos fungos, debido a que non se limitan a comer os corpos frutíferos —cogomelos—, senón que tamén destrúen e consomen o micelio, deixándoo en contacto co aire.

Unha descuberta que "excede os límites da razón"

Noutra orde de asuntos, o pasado 8 de xullo, Jesús Mosquera, investigador Ramón e Cajal no grupo NanoSelf do CICA da Universidade da Coruña (UDC), publicou nun artigo en Science, unha das revistas científicas máis prestixiosas do mundo, un traballo en colaboración coa Universidade Tecnolóxica de Eindhoven (Países Baixos) que describe un fenómeno químico nunca antes observado e que, en certa maneira, "excede os límites da razón".

En concreto, o persoal investigador descubriu que, engadindo máis auga a unha disolución acuosa de certos compoñentes, sorprendentemente, a mestura pasa a estado sólido —xel—.

"Rachamos o mito de que a disolución conduce a unha menor interacción entre moléculas", apunta o investigador Jesús Mosquera

Trátase dun resultado totalmente imprevisto, xa que se esperaría que, a maior cantidade de disolvente engadido, máis líquida quede a mestura. Con todo, o persoal demostrou que isto pode non ser así, e a este fenómeno denominárono 'transición sol-xel', ao producirse unha transformación dun estado a outro.

"Basicamente rachamos o mito de que a disolución conduce a unha menor interacción entre moléculas e, polo tanto, a un estado máis líquido, onde as moléculas quedan diluídas. Neste traballo, atopámonos un bonito exemplo do contrario debido á interacción entre dous sistemas supramoleculares con estruturas químicas completamente diferentes", explicou Mosquera.