A neve obriga a cortar a autovía A-6 ao seu paso por Doncos (As Nogais)

A neve obriga a cortar un treito da A-6. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Aliás, os camións non poden circular por esta vía á altura de Pedrafita do Cebreiro.

Axentes da Garda Civil veñen de cortar a autovía A-6 á altura de Doncos, no concello das Nogais (Os Ancares), debido ás nevaradas que regresaron nesta xornada ás zonas de montaña da Galiza.

A circulación nesta vía de conexión coa meseta xa presentaba dificultades pola neve e os camións e vehículos articulados tiñan prohibido atravesar Pedrafita do Cebreiro (Os Ancares), e agora súmase esta incidencia.

O corte na autovía sitúase a uns 10 quilómetros de Pedrafita. Ademais, nas últimas horas nevou con forza en Becerreá e xa en Baralla (ambos tamén nos Ancares), a uns quilómetros 30 de Lugo, xa había avisos da Garda Civil para prohibir o paso dos camións.

Mais á marxe da A-6 tamén se viu afectada a LU-633, pertencente á rede de estradas da Xunta, entre os puntos quilométricos 0,0 e 19, en ambos os sentidos, en Pedrafita do Cebreiro.

As zonas montañosas do país, de feito, volveron ser esta madrugada protagonistas das temperaturas máis baixas, con Pedrafita ficando cunha das mínimas rexistradas (-3,5ºC).

Colisión no Bolo

Tamén como consecuencia das fortes nevaradas e a súa presenza na calzada, mais desta volta no concello do Bolo (Valdeorras), dous coches chocaron na mañá desta quinta feira á altura do quilómetro 33 da OU-533, na parroquia de Cambela. Unha persoa tivo que ser trasladada en ambulancia a un centro médico.

Segundo recolle o parte do mediodía da Central de Atención ás Emerxencias, unha das persoas implicadas na colisión contactou co 112-Galiza, ás 12.30 horas, para alertar da situación. Segundo indicaba, ao perder o control do seu coche pola presenza de neve na vía batera contra outro turismo.

Ao recibir o aviso, o persoal do 112 puxo a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Bolo, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da vía de circulación.