A Xustiza autoriza a adquisición de 'El Correo Gallego' por parte de Prensa Ibérica por 1,6 millóns de euros

Sede de 'El Correo Gallego' en Compostela.
Os maxistrados poñen o foco na falta de solvencia acreditada da outra oferta presentada, un conglomerado de tres sociedades encabezado polo fundador de Blusens, José Ramón García.

Xa é oficial. O Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña vén de autorizar, nunha resolución á que tivo acceso Nós Diario, a transmisión da unidade produtiva de Editorial Compostela S.A., editora de El Correo Gallego, ao grupo EPI Prensa S.L.U. (Prensa Ibérica), após declararse a compañía da histórica cabeceira compostelá en concurso de acredores nos últimos meses.

Conclúe así un longo proceso no que tamén intentou facerse coa propiedade deste xornal o fundador de Blusens, José Ramón García, nunha oferta que apoiou publicamente La Voz de Galicia para facer fronte á proposta de Prensa Ibérica, dona de, entre outros, Faro de Vigo e La Opinión da Coruña.

A operación féchase por un importe de 1,6 millóns de euros. O novo propietario, que xa adiantara a parte do cadro de persoal que subrogaría 32 dos 46 contratos que ten en vigor Editorial Compostela —alén doutras 15 persoas contratadas por medio dunha empresa de traballo temporal (ETT), non asumirá as débedas contraídas polo anterior propietario, o tamén director José Manuel Rey Novoa, que está a ser investigado pola UDEF pola comisión de presuntos delitos de branqueo de capitais e actuación irregular, algo que el nega.

No que atinxe ao persoal contratado a través dunha ETT, na súa maioría cunha antigüidade inferior a un ano, a sentenza conclúe que, con base na xurisprudencia e a lexislación vixente, "non ten relación laboral ningunha coa empresa concursada", polo que os novos prioritarios carecen da obriga legal de subrogar estes traballadores e traballadoras.

Falta de solvencia da outra oferta

En relación á oferta que encabezaba José Ramón García, a sentenza dispón: "Non pode deixar de chamarse a atención sobre o feito de que a entidade á que se atribúe maior participación na sociedade en constitución [ACCA Media S.L., que sería titular de 50%, mentres Numancia Capital S.L. posuiría 49,9% e Blecua Capital S.L., 0,1%] ten o mesmo domicilio social que a concursada [Editorial Compostela]".

Tamén salienta que a oferta presentada conxuntamente por ACCA Media, Blecua Capital e Numancia Capital "nin sequera acompaña as contas anuais do exercicio de 2021". "Pero é máis —prosegue—, non consta que as formulasen nin depositasen no prazo legal, polo que non podemos coñecer a súa situación". De feito, afirma que a sociedade Numancia Capital "nin sequera achega as contas anuais de ningún exercicio", mentres considera sobradamente probada a solvencia de EPI Prensa S.L.U.

Este foi un dos principais motivos de que os xuíces elixisen esta proposta no canto da que lideraba por José Ramón García —que valoraba subrogar 39 traballadores, alén de regularizar os 15 da ETT—, pois entenden que Prensa Ibérica "garante en maior medida a continuidade da empresa no seu conxunto ou, no seu caso, da unidade produtiva e dos postos de traballo, así como a mellor e máis rápida satisfacción dos créditos dos acredores".