O corpo da muller achado nunha maleta embalada en Vigo estaba semiespido e moi deteriorado, pero non desmembrado

Lugar no que se atopou o corpo sen vida da muller. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
Os investigadores traballan agora en identificar a vítima e en determinar a causa da morte, sen transcenderen polo de agora máis datos sobre o suceso.

O corpo da muller achado esta quinta feira dentro dunha maleta nunha leira abandonada de Vigo atopábase semiespido, cunha tea sobre a cabeza e moi deteriorado, pero non estaba desmembrado, senón enteiro, como transcendera nun primeiro momento, segundo informou hoxe o subdelegado do Goberno estatal na provincia de Pontevedra, Abel Losada.

En declaracións aos medios, Losada explicou que, á primeira hora da tarde desta quinta feira, recibiron unha chamada da central de emerxencias do 112-Galiza para informar de que unha persoa, un repartidor, denunciara previamente o achado dunha maleta, "un trolley que desprendía un cheiro forte".

Ao chegar ao lugar, unha leira abandonada xunto a unha vivenda na rúa Espedrigada de Vigo, axentes da Policía Nacional constataron a existencia dun cadáver no interior. O trolley estaba precintado "cun plástico dos que se utiliza para as viaxes aéreas".

"Estamos a falar dunha muller que, nalgún medio, apareceu que estaba desmembrada. Mais o corpo estaba completo", puntualizou hoxe Abel Losada, quen explicou que, de inmediato, foi activado o protocolo de delitos violentos. Losada tamén sinalou que, atendendo ao testemuño dunha veciña, e tendo en conta o nivel tan elevado de descomposición, a maleta levaba nese lugar "desde agosto, polo menos".

Os investigadores traballan agora na identificación da persoa falecida e en determinar a causa da morte, sen que por agora transcendesen máis datos sobre este suceso. "É o que sabemos e o que podemos dicir", dixo Abel Losada, que pediu "deixar traballar á Policía Nacional" e "confiar no seu traballo para resolver o caso".

O corpo está a ser sometido ao exame de autopsia esta sexta feira e os investigadores tomaron mostras para remitir a laboratorio, debido ás dificultades para extraer impresións dixitais, polo que a identificación pode demorarse aínda uns días.