O coronavirus trastorna os plans do estudantado galego na China

Estrada deserta na cidade de Fuxing, na provincia de Hebei, en vésperas do Aninovo lunar chinés (Europa Press).
Estudantes galegas na China apuran diferentes solucións ante a falta de colaboración directa por parte do Ministerio de Asuntos Exteriores a través do persoal da embaixada do Estado español en Beijing mais do consulado en Shanghái. A paralización da vida universitaria e o peche das residencias obriga o alumnado a regresar ou a respectar o retiro e os controis decretados polas autoridades chinesas.

Aroa Otero Miguéns marchou estudar chinés á Universidade de Suzhou (Jiangsu) a finais do verán pasado cunha bolsa do Instituto Confucio. Cinco meses despois, regresa á casa familiar, no concello de Rois, ante "o desamparo" que sentiu no país e a incerteza de saber canto máis se pode prolongar a crise do coronavirus e a paralización do país.

"Non tiña pensado volver. De feito a emerxencia deste novo virus colleume de vacacións, na casa dunha amiga, no rural da provincia de Sichuan. Tiña planeado ir a Beijing e a Taiwan. A primeira viaxe canceleina por prevención, para non botar 12 horas nun tren cando recomendan restrinxir a mobilidade, e a segunda, cando o país anunciou que poría en corentena tas as viaxeiras procedentes da China", explica en conversa con Nós Diario pouco antes de coller un avión en Chengdu que a traerá Compostela despois de dúas escalas, en Praga e Barcelona.

Co agravamento da crise sanitaria, Aroa decidiu deixar a casa da súa anfitrioa a máis de 1.500 quilómetros do campus onde estuda. "Pero na universidade dixéronme que tiña prohibida a entrada até finais de febreiro, así que a única opción que me quedaba era volver a Suzhou e confinarme nun hotel". 

A vida, paralizada

Descartouno, por saúde mental, e púxose en contacto coa embaixada en Beijing mais co consulado en Shanghái, sen éxito nos primeiros intentos. No teléfono de emerxencias habilitado polo Ministerio de Exteriores comunicáronlle que co pasaporte e o visado en regra debía buscar unha saída pola súa conta, xa que os seus esforzos estaban centrados en sacar do país as persoas illadas en Wuhan. "Sentinme un pouco desamparada, mais entendo que somos moitas para ternos que facilitar a cadaquén unha solucións a medida", recoñece Aroa Otero.

A estudante galega puxo rumbo á capital de Sichuan canda unha compañeira polaca que, coma ela, decidiu regresar ao seu país de orixe. Reservaron cuarto nun hotel que estaba pechado, mais chegaron a outro, con axuda, practicamente baleiro, que as acolleu durante as últimas horas.

"Nesta espera percibimos que hai moitos restaurantes pechados, e os que abren dispoñen de menos recursos. Os trens e os autobuses levan moi poucos pasaxeiros. Os controis de movemento e de temperatura son frecuentes e se tes máis de 37 graos, retéñente, como fixeron comigo. Nun exame aleatorio superei a temperatura recomendada por cinco décimas. Tiven que esperar e repetir a toma tres veces. Cando o termómetro marcou os 37, puiden continuar".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.