O coronavirus pode sobrevivir na pantalla do teu móbil até 28 días

(Foto: Polars / Contacto)

Segundo un estudo da axencia científica nacional de Australia.

O estudo realizado pola Organización de Investigación Científica e Industrial da Commonwealth ( CSIRO, segundo as súas siglas en inglés), sinala que o virus responsábel da Covid-19 pode sobrevivir durante 28 días nas pantallas e superficies de móbil

O coronavirus transmítese principalmente coa tose, esbirros ou falando, aínda que existen probas de que tamén pode propagarse por partículas suspendidas no aire ou cando unha persoa toca superficies infectadas.

O estudo realizado pola CSIRO sinala que o virus pode sobrevivir durante 28 días en superficies lisas como o vidro que se atopa nas pantallas dos teléfonos móbiles e nos billetes de plástico e papel, cando se mantén a 20 graos centígrados e na escuridade.

Os investigadores tamén afirmaron que o SARS- CoV-2 sobrevive menos tempo a temperaturas máis altas que a temperaturas máis baixas, xa que deixou de ser infeccioso en 24 horas a 40 graos centígrados nalgunhas superficies.

“Estes achados demostran que o SARS- CoV-2 pode permanecer infeccioso durante períodos de tempo significativamente máis longos do que xeralmente se considera posíbel”, sinala o estudo.

Estudos

Nestes meses sucédense os estudos e as análises en torno a vías de propagación do coronavirus. Recentemente, por exemplo, un grupo de científicos de varias universidades afirmaban nunha carta, publicada na revista  ‘Science’ que “hai unha evidencia abafante de que a inhalación do coronavirus representa unha vía principal na transmisión da Covid-19"

Desde o inicio da pandemia, houbo unanimidade en que o coronavirus se transmitía a través de pingas grandes de saliva  expelidas ao  tusir ou esbirrar. Con todo,  a posibilidade de que se propagase por aerosois (partículas de moi pequeno tamaño) representou un punto controvertido na difusión da enfermidade. Agora, estes investigadores queren deixar fóra de toda dúbida que se trata dunha vía de contaxio "importante".