Galiza rexistra 44 casos de coronavirus, 15 pendentes da confirmación de Madrid

Un total de 44 pacientes deron, polo momento, positivo en Galiza á infección por Covid-19, aínda que 15 deles están pendentes da confirmación do laboratorio central de Majadahonda. Se se teñen en conta todos eles, o virus alcanzou a persoas da Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra ou Vigo

Até a noite desta terza feira realizáronse 476 probas na Galiza.

Os sete pacientes ingresados no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) permanecen estábeis, un deles, un home de 81 anos con patoloxías previas, segue na UCI con prognóstico grave. Tamén continúan estábeis os outros tres ingresados en Vigo, Pontevedra e Lugo.

Así o confirmaron a Europa Press fontes hospitalarias, que puntualizaron que o home de 81 anos con patoloxías previas con positivo por coronavirus segue na UCI do Chuac "estábel" con "prognóstico grave". Mentres, os outros seis ingresados en leste mesmo centro, entre eles o primeiro paciente confirmado con Covid-19 en Galiza, permanecen con estado "estábel" illados nunha planta convencional.

Mentres, o home de 43 anos de idade hospitalizado con coronavirus no Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo permanece estábel dentro da gravidade ingresado na UCI.

Pola súa banda, o paciente con coronavirus confirmado no Hospital Montecelo de Pontevedra, indicaron fontes hospitalarias, atópase estábel, illado en planta, do mesmo xeito que o veciño de Foz hospitalizado no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo.

En Galiza, até a noite do martes, Sanidade confirmou que as persoas afectadas por este virus ascenden a 27, dos que 20 están na área da Coruña, catro na de Vigo, un na de Ourense, un en Pontevedra e outro en Lugo. A maiores, quedan algúns casos pendentes do resultado do laboratorio madrileño.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, solicitou que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella empregar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.