A Xunta anuncia un peneirado masivo da poboación da Coruña entre 18 e 40 anos

Núñez Feixoo di que o que "preocupa" é que se cumpran as medidas e restricións xa establecidas nestes días antes que a aprobación de novas medidas.

En pouco máis dunha semana Galiza rexistrou por volta de mil novos casos activos de Covid, un aumento focalizado principalmente na área sanitaria da Coruña mais non só. Esta cuarta feira houbo unha nova reunión do comité sanitario que fai seguemento da pandemia e Núñez Feixoo compareceu despois da xuntanza.

Feixoo sinalou que Galiza está "nunha situación epidemeolóxica moito mellor" que o resto do Estado español se ben recoñeceu preocupación ante o aumento de casos. "A situación na Coruña é mala", dixo, mais tamén indicou que enstes tres días "parece que se reduce o número de contaxios".

Desbotou restrinxir a mobilidade na Coruña pois, apuntou, "non hai transmisión a outras zonas de Galiza" mais anunciou que se vai facer un "peneirado masivo" da poboación da Coruña entre 18 e 40 anos de idade. Citou os barrios nos que os expertos consideran que a situación é máis preocupante: Os Mallos, Agra do Orzán, Ventorrillo, Sagrada Familia (A Coruña), ou O Temple e O Burgo (Culleredo). 

Non haberá, logo, novas medidas e restricións e si un chamamento a que se "cumpran" as normas aprobadas nestas dúas semanas. Esta sexta feria haberá unha nova xuntanza, anunciou Feixoo, onde se volverá a analizar a situación. 

O comité clínico tamén aprobou a instrución para que se lles realicen probas diagnósticas a todos os novos residentes das residencias sociosanitarias, así como aos empregados que se incorporen cun novo contrato ou regresen aos centros despois de permisos ou vacacións. O presidente da Xunta lembrou o límite das visitas a unha persona por residente e cunha duración máxima dunha hora ao día.

Igualmente, deu luz verde definitiva ao protocolo de explotacións agrícolas con traballadores temporeiros. Feijóo salientou que "o obxectivo é incrementar a seguridade sanitaria nas campañas conxugando a continuidade da actividade coa saúde dos traballadores".

Deste modo, a partir desta quinta feira, 20 de agosto, empezaranse a realizar probas diagnósticas ao redor de 3.000 ou 4.000 traballadores e traballadoras.