Coronavirus Galiza: máis de medio millón de contaxios desde o inicio da pandemia

Varias persoas acoden a facer trámites relacionados co coronavirus, en Ourense (Foto: Área Sanitaria de Ourense).
Unha repunta nos contaxios novos de Covid detectados na Galiza freou a tendencia á baixa na evolución da pandemia, de maneira que, por vez primeira no último mes, aumentaron os casos activos de Covid, que se sitúan en 16.365 (256 infeccións máis que na última xornada).

Segundo os datos publicados esta quinta feira pola Consellaría de Sanidade, con información recollida até as 18 horas da cuarta, nas últimas horas creceron os novos contaxios, até os 1.539 (na cuarta notificáronse 1.215), con infeccións novas en todas as áreas sanitarias.

Así, na área sanitaria de Vigo rexistráronse na última xornada 325 novos contaxios; na área sanitaria da Coruña-Cee, 286; na de Compostela, son 283; na de Ourense-Verín-O Barco, 199; na de Pontevedra-O Salnés, 195; na de Lugo-A Mariña-Monforte, 173, e na de Ferrol, 71.

Tendo en conta as novas infeccións, as altas epidemiolóxicas e os falecementos, no país hai actualmente un total de 16.365 persoas con Covid. Estes casos activos creceron en todas as áreas sanitarias, excepto na Ferrol.

Na área de Vigo hai 3.290 casos activos (+58); na área da Coruña hai 3.210 (+8); na de Compostela, 2.950 (+76); na de Lugo, 2.041 (+34); na de Ourense, 1.935 (+59); na de Pontevedra, 1.895 (+37), e na de Ferrol, 952 (-11).

Presión hospitalaria

A respecto da ocupación das camas Covid nos hospitais galegos, o último informe de Sanidade reflicte unha lixeira repunta no número de doentes ingresados en unidades convencionais, que sobe de 390 a 397, aínda que os pacientes ingresados en UCI son agora 28, un menos que hai un día.

Por áreas, nas de Compostela e A Coruña hai 6 pacientes respectivamente nas súas unidades de coidados críticos (un menos en Compostela e un máis na Coruña); na área de Vigo, 5 pacientes en UCI con Covid (igual que hai 24 horas); nas áreas de Pontevedra, Ourense e Lugo non houbo cambios na ocupación da UCI, e manteñen catro, tres e tres pacientes, respectivamente, mentres que en Ferrol os pacientes críticos baixaron de dous a un. No que atinxe aos ingresados 'en planta', descenderon lixeiramente na Coruña e Ferrol, e subiron, tamén de forma lixeira, no resto de áreas sanitarias.

Persoas curadas e falecidas

Desde o inicio da pandemia máis de medio millón de persoas na Galiza contraeron a Covid, e 481.790 superaron a enfermidade. Delas, 1.280 recibiron a alta epidemiolóxica nas últimas 24 horas.

Pola contra, faleceron co virus 3.114 persoas. Os últimos decesos comunicados por Sanidade son os dun home de 89 anos que morreu con Covid na área sanitaria de Ourense; unha muller de 85 anos que faleceu na área de Pontevedra; e outro home, de 85 anos, falecido na área sanitaria de Lugo. Os falecementos producíronse a pasada terza feira e todas as persoas tiñan patoloxías previas, segundo Sanidade.

Até o momento, realizáronse no país algo máis de 3,7 millóns de probas PCR, 3.174 nas últimas horas; e a taxa de positividade destas probas (a porcentaxe de resultados positivos por cada 100 probas realizadas) é do 11 %. Alén destas probas, realizáronse 1,5 millóns de test de antíxenos (2.986 na última xornada) e 1,4 millóns doutros tipos de probas de detección da Covid.