Coronavirus na Galiza: A Coruña e Ferrol xa son as únicas cidades que continúan en situación de risco extremo

Un profesional sanitario baixa dunha ambulancia un paciente con Covid-19 (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A continua redución da incidencia acumulada é unha boa nova na véspera de que se reúna o comité clínico para decidir sobre a posibilidade de reducir as restricións.

Na véspera de que o comité clínico que asesora á Xunta da Galiza en temas Covid-19 se reúna para decidir sobre posíbeis reducións dos niveis de restrición, xa só quedan dúas cidades no país cunha incidencia acumulada a catorce días en risco extremo.

Trátase da Coruña e de Ferrol, que están sobre os 250 casos por cada 100.000 habitantes, segundo os datos do Sergas. En concreto, a cidade herculina ten unha incidencia acumulada de 405 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que Ferrol suma 384 casos por cada 100.000 residentes.

A última das cidades en saír deste nivel de risco extremo é a de Pontevedra, que nesta xornada sitúase nos 224 por cada 100.000 habitantes. No resto, Compostela suma unha incidencia acumulada nos últimos 14 días de 174 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que Vigo ten 168, Ourense chega a a180 e Lugo sitúase en 234.

Presión hospitalaria

En canto á presión hospitalaria, segundo as cifras publicadas este domingo pola Consellería de  Sanidade, actualizadas ás 18 horas da tarde do sábado, as persoas ingresadas con coronavirus sitúanse en 735, cinco menos. Iso si, o descenso nas unidades de coidados intensivos (UCI) é maior, con 155 enfermos, oito menos que un día atrás.

Se se observan os datos por áreas sanitarias, a baixada das hospitalizacións non se cumpre en todas elas. Así, na de Lugo-A Mariña-Monforte subiron en cinco, até as 64 en total, aínda que na UCI mantéñense 21. Tamén aumentaron en Ourense-Verín-O Barco, con 71 hospitalizadas -cinco máis-, seis delas en críticos -unha máis-.

Ademais, en Vigo o global de ingresados non varía con respecto aos datos do sábado, e sostense en 83, pero en coidados intensivos hai 20, un máis. En canto á área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, aínda que baixaron nun os pacientes Covid hospitalizados, a 88, en UCI aumentaron nun, ata os 21.

Pola súa banda, a área da Coruña-Cee continúa como a que máis enfermos de coronavirus hospitalizados ten, con 221 (-12), dos que 53 (-3) están en coidados intensivos; mentres que en Santiago-Barbanza son 90 os ingresados totais (-10), 19 deles críticos (sen variación); e en Ferrol 108 hospitalizados (sen cambios), dos que 15 están na UCI (-1).

Menos casos activos

Pola súa banda, os casos activos baixaron da barreira dos 9.000, colocándose nos 8.616, logo dunha caída de 673 nun día.

Nos datos publicados este domingo, a área sanitaria da Coruña-Cee diminuíu en 163 casos activos en 24 horas, até situarse nos 2.869. Tamén baixaron en Vigo, até os 1.316 (-59); e en Pontevedra-O Salnés, a 1.150 (-120).

En Santiago-Barbanza, os casos activos caeron do milleiro, a 950 (-95), o que implica volver a cifras de mediados de decembro. Tamén se manteñen por baixo dos 1.000 as áreas de Ferrol, con 861 pacientes (-92); Lugo-A Mariña-Monforte, con 838 (-63); e Ourense-Verín-O Barco, con 632 (-81).