Coronavirus Galiza: máis de 67.000 casos activos mentres descende a presión nas UCI

Unha persoa é tratada coa vacina de Pfizer (Foto: AAPIMAGE / DPA).
A Galiza abeira hoxe 67.724 casos activos da Covid-19, logo de rexistrar outros 4.966 novos contaxios, mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus ascenden a 502.

Segundo os datos actualizados na mañá desta segunda feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas do domingo, descenden a 53 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 na Galiza (dúas menos que na xornada anterior), mentres aumentan a 449 as hospitalizadas noutras unidades (+55).

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta nas sete, coa de Lugo-A Mariña-Monforte á cabeza, que aínda que mantén cinco pacientes Covid en UCI, rexistra 42 noutras unidades (+11), mentres que na de Vigo descenden a 12 o críticos (-3), pero increméntanse a 92 os doutras unidades (+11).

A área de Compostela e O Barbanza rexistra sete pacientes Covid en UCI (+1) e 72 noutras unidades (+1), e na de Pontevedra e O Salnés baixan a sete o críticos (-1), pero soben a 55 os ingresados noutras unidades(+9). Na área de Ferrol continúan dous ingresados en UCI pola Covid e aumentan a 25 os hospitalizados noutras unidades (+6); mentres que na de Ourense, Verín e O Barco aumentan a sete os críticos (+1) e a 72 os doutras unidades (+6). E na da Coruña e Cee mantense 13 pacientes Covid en UCI e aumentan a 91 os ingresados por este coronavirus noutras unidades (+5).

Casos en aumento

Os casos activos da Covid-19 continúan en aumento no país e ascenden a 67.724, que supoñen 2.389 máis que a xornada anterior, o que implica un incremento menor que o día pasado, ao haber de novo máis contaxios (4.966) que altas (2.575), ao que se engaden dous falecidos.

Con máis infeccións activas mantense a área sanitaria de Vigo, con 15.199 (+348); seguida da da Coruña, con 12.859 (+573); Compostela, con 12.010 (+357); Ourense, con 8.586 (+497); Pontevedra, con 7.929 (+240); Lugo, con 6.875 (+255); e á cola continúa a de Ferrol, con 4.266 (+119).

Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade na sexta feira, a incidencia acumulada a 14 días da Galiza fica en 2.597 casos por cada 100.000 habitantes, fronte aos 2.722 de media no Estado.

Baixan os novos contaxios

Pola súa parte, os novos contaxios da Covid-19 descenden lixeiramente a 4.966 no inicio desta semana, que supoñen 619 menos que os 5.585 do día anterior, cando se volveu superar a barreira dos 5.000 desde o 1 de xaneiro.

No que atinxe á taxa de positividade das probas PCR —número de infeccións detectadas por cada 100 test—, comeza esta semana cun descenso a 22,6%, após situarse en 28% o día anterior. Deste modo, mantense moi por riba do limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Vítimas mortais

As persoas falecidas diagnosticadas coa Covid-19 desde o inicio desta pandemia na Galiza aumentan a 2.817, ao notificar Sanidade este domingo dúas vítimas máis. En concreto, os óbitos corresponden a un home de 90 anos que permanecía ingresado no Complexo Hospitalario de Pontevedra e doutro home de 84 no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Aliás, 218.086 persoas diagnosticadas de coronavirus curáronse no conxunto do país desde o comezo desta crise sanitaria, que representan 2.575 máis que as contabilizadas ata o día anterior.