Recorren ante o TSXG a obrigatoriedade do Pasaporte Covid e o toque de recoller en Nadal

Unha peregrina amosa o seu certificado covid nun albergue, o pasado mes de outubro. (Foto: Salomé Montes / Europa Press)
A Xustiza galega terá que avalar de novo ou retirar o seu apoio ao uso do certificado en toda a hostalaría, que xa leva semanas vixente, e ao toque de recoller estipulado para controlar a situación epidemiolóxica polo nadal.

A obrigatoriedade de presentar o Certificado Covid para acceder á hostalaría e o toque de recoller estabelecido pola Xunta para reducir o risco de contaxios do coronavirus durante o nadal volven estar en tela de xuízo. Malia que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) foi dando o seu visto e prace ás diferentes medidas para loitar contra a sexta onda, ambas normas veñen de ser recorridas.

En consecuencia, a Xustiza galega terá que referendar a súa opinión positiva sobre a necesidade de contar co pasaporte Covid nos locais -agora en todos, mais até hai unhas semanas só a partir das 21 horas. 

Tamén deberá volver opinar sobre o estabelecemento dun toque de recoller de 3 a 6 da madrugada até o 18 de xaneiro, ou retirar o seu apoio a estas limitacións fronte á pandemia.

O TSXG alegara que era o máis adecuado ao prevalecer a seguridade por enriba dos dereitos persoais

No seu momento alegou que era o máis adecuado porque prevalecía a seguridade sanitaria por enriba dos dereitos persoais e que estas cuestións tampouco afectaban tanto a estes últimos. Porén, Vox vén de tramitar un recurso contencioso-administrativo contra a orde da Consellaría de Sanidade do pasado 29 de decembro.

Aliás, a formación exixe que se suspendar cautelarmente outras medidas como o certificado de vacinación para aceder aos negocios de lecer nocturno e aos hospitais, entre outros espazos.

Suposta discriminación

Considera que "a Orde ditada polo Goberno da Galiza diferencia entre dúas categorías de persoas no acceso aos dereitos fundamentais, en virtude dun criterio arrazoábel e arbitrario".