Coronavirus na Galiza: Lixeiro repunte das hospitalizacións e os falecementos achéganse a 600

Persoal sanitario (Europa Press / Marco Alpozzi)

O número de casos activos por COVID-19 redúcese a 2.631.

O número de casos activos por coronavirus baixa na Galiza a 2.631, o que é 32 casos menos que o domingo. Os dados da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sitúan as áreas de Vigo (697) e da Coruña (606) como as que teñen máis afectadas.

A estas dúas engádense 161 na área de Lugo, 405 da de Ourense, 138 da de Pontevedra, 517 da de Santiago, e 107 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 26 permanecen en UCI e 191 están en unidades de hospitalización. Aumenta nunha persoa as ingresadas en coidados intensivos a respecto do domingo e ese incremento é de 11 en hospitalización (eran 180 na xornada anterior).

En total, 217 atendidas no hospital fronte ás 205 do domingo. Hai 2.414 persoas con coronavirus e que están a ser atendidas no seu domicilio.

Polo de agora, na Galiza hai un total de 7.445 persoas curadas, rexistrándose 594 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 116.144.

Residencias de anciás

No que atinxe ás residencias de anciás, hai 551 casos activos, dos que 334 son de persoas usuarias mentres que 217 son de traballadoras e traballadores.

No que atinxe a falecementos, son 269: 132 en residencias e 137 en hospitais e residencias integradas.