Coronavirus Galiza: os casos activos baixan de 66.000 e soben até os 7.000 os novos contaxios

Continúa a campaña de vacinación contra a Covid. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
A presión hospitalaria descende. Hai 48 doentes Covid ingresados en UCI e 581 noutras unidades.

Os novos contaxios de Covid-19 soben na Galiza até os 7.005, 2.162 máis que a xornada anterior, mentres que os casos activos seguen en descenso e sitúanse en 65.841 -uns 1.500 menos-, e os pacientes hospitalizados baixan a 629 -nove menos-. 

Segundo os datos actualizados na mañá desta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 da terza, descenden a 48 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 na Galiza -dúas menos- e a 581 as hospitalizadas noutras unidades -sete menos-, mentres que 65.212 permanecen en seguimento no seu domicilio. Con todo, en conxunto, hai 21 doentes ingresados máis que hai unha semana.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria só aumenta en dúas: na de Santiago e na de Ferrol, mentres que se alivia nas outras cinco: A Coruña, Ourense, Vigo, Lugo e Pontevedra.

Presión hospitalaria

En concreto, na de Vigo seguen oito pacientes Covid en UCI, pero baixan a 86 os ingresados noutras unidades -cinco menos-. Na de Pontevedra, aínda que aumentan a oito o críticos -un máis-, descenden a 84 os hospitalizados noutras unidades -sete menos-.

Na de Ourense redúcense a seis o críticos -un menos- e a 72 os doutras unidades -un menos-. Na da Coruña seguen 11 en UCI, pero caen a 142 os ingresados noutras unidades -un menos-.

Pola súa banda, na área sanitaria de Lugo aínda que se manteñen 57 pacientes Covid ingresados en hospitalización convencional, descenden a sete o críticos -un menos-.

Pola contra, na área de Ferrol segue un paciente Covid en UCI, pero aumentan a 43 os hospitalizados noutras unidades -un máis-. Na de Santiago redúcense a sete o críticos -un menos-, pero increméntanse a 97 os doutras unidades -seis máis-.

Caen os casos activos

A Galiza mantén a tendencia descendente de casos activos por quinta xornada consecutiva con 65.841, que supoñen 1.509 menos que o día anterior.

Por áreas sanitarias, os casos activos descenden en todas, coa de Ourense á cabeza (-278), seguida da da Coruña  (-274), Lugo (-261), Vigo (-240), Pontevedra (-209), Santiago (-130) e Ferrol (-117).

Con máis casos activos mantense a área sanitaria de Vigo, con 17.338; seguida da da Coruña , con 14.141; Santiago , con 10.158; Pontevedra , con 7.711; Ourense, con 6.767; Lugo, con 6.610; e Ferrol, con 3.116.

Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade, a incidencia acumulada a 14 días segue á baixa na Galiza até situarse en 3.007,07 casos por 100.000 habitantes, fronte aos 3.267,21 de media estatal.

Novos contaxios

Os novos contaxios de Covid-19 volven aumentar. Soben até os 7.005, que supoñen 2.162 máis .

Así, desde o inicio da pandemia ascenden a 393.068 os contaxiados por coronavirus, dos que 92.451 corresponden á área de Vigo; 83.062, á da Coruña; 59.604, á de Santiago ; 6.767, á de Ourense; 46.511, á de Pontevedra; 40.577, á de Lugo; e 22.875, á de Ferrol.

O número de persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 sitúase en 2.897, despois de notificar a Consellaría de Sanidade catro novas vítimas.

En concreto, Sanidade informou do óbito dunha muller de 92 anos no Chuvi de Vigo e de tres homes, dous deles no Chuac da Coruña de 74 e 90 anos, e outro de 95 anos no Hospital de Monforte de Lemos.