Coronavirus Galiza: Baixan en perto de 3.000 os novos contaxios e ralentizan a escalada da sexta onda

Clientela nas terrazas de Vigo a finais do pasado outubro. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

As autoridades sanitarias informan dunha caída dos casos activos nas áreas sanitarias de Ourense, Compostela e O Barbanza, e Lugo. Malia estas cifras, o balance segue a ser negativo, pois hai máis contaxios que altas de persoas curadas.

A sexta onda da Covid-19 segue en proceso de ascenso na Galiza, mais os últimos datos amosan unha ralentización desa subida. Segundo a Consellaría de Sanidade, nas últimas 24 horas houbo un incremento de 132 casos activos, sendo actualmente 72.573.

Porén, na última xornada os contaxios foron 4.900 fronte aos 7.800 que se comunicaran xusto un día antes. Iso si, foron hospitalizadas outras 41 persoas (chegando ás 610) e a taxa de positividade fica nun 18%.

O último informe das autoridades sanitarias amosa que houbo máis contaxios que altas, pero cunha diferencia moi lixeira en comparación con días anteriores. Cos datos da tarde deste domingo pódese falar de 4.916 contaxios, polo que a suba sería de 132 casos.

Iso si, en termos globais a pandemia continúa a súa escalada no país, pois hai perto de 5.000 casos activos máis que a pasada segunda feira.

Casos activos

No que respecta ás áreas sanitarias, hai tres que experimentan un descenso. O maior número de baixas, 251 contabilízase en Ourense, seguida da de Compostela-O Barbanza (-129) e de Lugo (-108).

Na posición contraria están o resto das demarcacións, que non deixan de crecer, con especial incidencia no sur da Galiza. Así en Vigo notificáronse 355 infeccións novas, en Pontevedra-O Salnés (+140), na Coruña e Cee (+91) e en Ferrol (+34).

En consecuencia, o mapa de persoas asintomáticas ou con síntomas pero co virus activo no organismo queda da seguinte forma: a área de Vigo, con 19.002 pacientes; seguida da Coruña e Cee, con 14.747; Compostela e Barbanza, con 10.700; Pontevedra e O Salnés, con 8.459; Ourense, que fica nos 8.149 doentes; Lugo, con 7.439; e Ferrol, con 4.077 veciñas infectadas de coronavirus.

Neste contexto, o Ministerio de Sanidade alude a unha incidencia acumulada a 14 días superior na Galiza á media do Estado español. Serían 3.350,78 casos por cada 100.000 habitantes.

Novos contaxios

Malia que nos novos contaxios detéctase unha redución de case 3.000, o certo é que as cifras continúan a ser elevadas. A Xunta fornece o dato de 4.916 positivos.

Desta forma, Galiza tivo 340.522 contaxiados pola Covid-19 desde que comezou esta crise sanitaria, dos que 78.415 estarían vencellados á área de Vigo; 72.174, á da Coruña; 51.279, á de Compostela; 42.486, á de Ourense; 40.524, á de Pontevedra; 35.215, á de Lugo; e 20.429, á de Ferrol.

Con especial seguimento

A gran maioría das persoas enfermas polo virus teñen seguimento domiciliario mentres permanecen illadas, se ben a Consellaría de Sanidade confirma que continúan ingresadas nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) da rede hospitalaria galega 54 persoas.

Outras 556 están a ser atendidas en unidades de hospitalización normais, o que supón unha subida de 41 persoas con respecto ao anterior parte da situación epidemiolóxica.

Desde marzo de 2020, a pandemia cobrouse a vida de 2.847 vítimas.