Coronavirus Galiza: 52.588 casos activos e unha positividade de 21,8%

Unha sanitaria realiza unha proba de detección do virus (Foto: Europa Press).
Hai 55 persoas ingresadas nas UCI galegas e outras 318 en unidades convencionais.

Segundo os datos actualizados na mañá deste martes pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da segunda feira, aumentan a 55 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 en toda a Galiza, que constitúen dúas máis que na xornada anterior, mais descenden a 318 as hospitalizadas noutras unidades (-13). Outras 52.215 persoas doentes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe en dúas do sete, en concreto nas de Ferrol, que conta con tres pacientes Covid en UCI (+1) e 13 noutras unidades (sen cambios); e na de Pontevedra e O Salnés, na que aínda que descenden a nove o críticos (-1), soben a 46 os ingresados noutras unidades (+5).

Pola súa parte, alíviase a presión hospitalaria en áreas como a de Vigo, onde aínda que aumentan a 17 os pacientes Covid en UCI (+3), descenden a 70 os ingresados noutras unidades(-12); e na de Lugo-A Mariña-Monforte, onde caen a seis o críticos (-1) e baixan a 20 os hospitalizados noutras unidades (-3). Tamén se alivia a presión hospitalaria na área da Coruña e Cee, onde aínda que aumentan a 10 os pacientes Covid en UCI (+2), baixan a 66 os ingresados noutras unidades (-4); e na de Compostela e O Barbanza, na que descenden a cinco o críticos (-1) e seguen 48 noutras unidades. Aliás, na área sanitaria de Ourense redúcense a cinco os pacientes Covid ingresados en UCI, que supón un menos, pero aumentan a 55 os hospitalizados noutras unidades (+1).

Máis de 52.000 casos activos

Os casos activos no conxunto de Galicia alcanzan os 52.588, o maior número alcanzado até a data en toda a pandemia, que implican 2.600 máis que os rexistrados a xornada anterior, ao haber máis novos contaxios (3.815) que altas (1.203), ao que se engaden 12 falecementos.

Con máis casos activos mantense a área sanitaria de Vigo, con 12.202; seguida da de Compostela, con 9.700; A Coruña, con 9.587; Pontevedra, con 6.695; Ourense, con 5.948; Lugo, con 5.068; e á cola mantense a de Ferrol, con 3.388.

Case 4.000 novos contaxios

Os novos contaxios de Covid-19 volven aumentar até os 3.815, que supoñen 916 máis que os 2.899 cos que se iniciou esta semana, que supuxeron o primeiro descenso por baixo dos 3.000 desde a segunda feira 27 de decembro. A quinta, sexta e sábado pasado superaron os 5.000.

Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade esta segunda feira, a incidencia acumulada a 14 días da Galiza sobe a 1.975,84 casos por 100.000 habitantes, fronte aos 2.295,8 de media no Estado. En canto a probas diagnósticas, nas últimas 24 horas efectuáronse 10.781 PCR, que implican unhas 2.360 máis que as feitas o día anterior, o que eleva a 3.355.800 as realizadas en Galicia até o momento.

No tocante aos tests de antíxenos fixéronse 1.170.363 no país, que supoñen 10.694 máis que os contabilizados até o día anterior e uns 4.600 feitos máis que a xornada pasada. En canto á taxa de positividade en PCR (número de infeccións detectadas cada 100 test), descende ao 21,88 por cento, despois de iniciar esta semana cun aumento ao 28,54%. Así, continúa moi por encima do limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Falecementos e altas

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia no conxunto da Galiza aumentan a 2.782, ao notificar a Consellería de Sanidade este luns 12 óbitos rexistrados en varios días pasados. Un dos falecementos notificados esta segunda feira produciuse o pasado 22 de decembro, mentres que os 11 restantes corresponden ao últimos cinco días. Entre a ducia de novas vítimas mortais en Galicia inclúese un home de 50 anos morto no Chuvi o pasado día que carecía de patoloxías previas.

Pola súa parte, 205.208 persoas diagnosticadas de coronavirus curáronse en too o país desde o comezo desta crise sanitaria, que constitúen 1.203 máis que as contabilizadas até o día anterior.