Coronavirus Galiza: 463 hospitalizados e 21.800 casos activos no inicio da nova vixilancia

Cribado poboacional con tests de antíxenos na área sanitaria de Ourense. (Foto: Xunta da Galiza).
A Galiza sumou na fin de semana máis de 2.000 novos contaxios.

A Galiza arrinca a semana na que entra en vigor o novo protocolo de vixilancia e control da Covid-19 con 463 hospitalizados -24 máis que o sábado- e cun descenso dos casos activos até os 21.839 -uns 1.800 menos-, tras outros 2.200 novos contaxios na fin de semana.

Segundo os datos actualizados esta segunda feira pola Consellería de Sanidade, con rexistros até as 18 horas do domingo -os festivos e domingos non se actualizan-, aumentan a 25 as persoas ingresadas en UCI pola Covid -unha máis que o sábado- e a 438 as hospitalizadas en unidades convencionais -23 máis-, mentres que 21.376 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio. 

Diminúen as infeccións activas

A tendencia ascendente dos casos activos, que se mantivo durante cinco xornadas consecutivas a semana pasada, mudou ao baixar até os 21.839, se ben hai unha semana o número de infeccións situábase en 20.225.

O descenso de casos é xeneralizado nas sete áreas sanitarias galegas, coa da Coruña á cabeza (-433), seguida da de Vigo (-366), Ourense (-359), Santiago (-284), Lugo (-156), Ferrol (-150) e Pontevedra (-85).

Así, con máis infeccións activas segue a área da Coruña e Cee, con 4.568; seguida da de Vigo, con 4.168; Santiago e Barbanza, con 3.617; Lugo, con 2.588; Pontevedra e O Salnés, con 2.447; Ourense, con 2.217; e á cola mantense a de Ferrol, con 2.147.

Por riba dos 2.000 contaxios

Desde o pasado 16 de marzo os novos contaxios superaron no conxunto da Galiza os 2.000 diarios. Esta semana arrinca con 1.045 novos casos abertos nas últimas 24 horas, que suman 2.223 novos positivos desde o sábado.

A taxa de positividade -número de PCR positivas por cada 100 realizadas- cae até ao 7,7%, por encima do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

Falecementos

Pola súa parte, as persoas falecidas pola Covid desde o inicio desta pandemia aumentan a 3.200 despois de notificar este a Consellería de Sanidade outras dúas vítimas, ambas as con patoloxías previas.