Coronavirus Galiza: o país supera os 3.000 falecementos mentres os casos activos seguen en descenso

Rapazada asistindo ao recinto Feiral de Expourense para recibir a primeira picada da vacina, o pasado mes de xaneiro (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
Esta cuarta feira comeza a administración da segunda dose da vacina ás rapazas e rapaces de entre 5 e 11 anos de idade.

Segundo o último informe publicado pola Consellaría de Sanidade, con datos consolidados ás 18 horas da terza feira, os casos activos da Covid-19 soben a 49.376.

Por áreas sanitarias, 12.161 corresponden á de Vigo; 10.790, á da Coruña-Cee; 8.895, á de Compostela-O Barbanza; 5.287, á de Pontevedra-O Salnés; 5.107, á de Lugo-A Mariña-Monforte; 4.791, á de Ourense-Verín-O Barco, e 2.345, á de Ferrol.

Aliás, do total de pacientes positivos e positivas, 48 están en UCI, 646 en unidades de hospitalización e 48.682 no domicilio.

Polo de agora, no conxunto do país hai un total de 406.714 persoas curadas, rexistrándose desde o inicio da pandemia 3.008 falecementos, após notificar Sanidade 21 novos pasamentos.

Campaña de vacinación

Noutra orde, a Galiza principia esta cuarta feira o proceso de administración da segunda dose da vacina contra a Covid-19 a menores de 5 a 11 anos de idade, e faino horas despois de recibir unha nova remesa con 118.530 doses da vacina.

Segundo o 'cronómetro' de vacinación do Sergas —que non separa o grupo etario principal da poboación pediátrica en fase de inmunización—, até a terza feira foron vacinados 115.259 menores de 10 a 14 anos, e 85.071 menores de 5 a 9 anos.

Aliás, segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade con data do 7 de febreiro, correspondente á vacinación pediátrica até o día 6 deste mes, a Galiza vacinou 125.392 menores de 5 a 11 anos con, cando menos, unha dose, dunha poboación albo desas idades de 153.059, o que supón unha cobertura de 81,9 %. Deste modo, fica á cabeza do Estado na inmunización da cativada, mentres a media estatal é de 55,6%.

No momento actual, o país ten 89,26% da súa poboación xa inmunizada con dúas doses da vacina, isto é, 2.410.060 persoas.