Coronavirus Galiza: A pandemia causa 12 novas vítimas, unha delas sen patoloxías previas

Un grupo de xente agarda para facer a PCR en Vigo, días antes das festas de Nadal. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
As autoridades sanitarias informaron na tarde desta segunda feira, 3 de xaneiro, do pasamento dunha ducia de persoas que fora diagnosticada da Covid-19. Os falecementos decorreron en diferentes días de decembro e xaneiro.

A Consellaría de Sanidade notificou a última hora desta segunda feira o falecemento de 12 persoas por causa das complicacións do coronavirus. Malia que a maioría padecían enfermidades previas que dificultaron que superaran a Covid-19, tamén foi vítima da pandemia un home de 50 anos que non tiña outras patoloxías.

As autoridades sanitarias da Galiza confirman agora que un deceso do día 22 que tivo lugar no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) estivo vinculado ao coronavirus. En concreto, finou un varón de 86 anos.

O resto da ducia de mortes decorreu nos últimos días, coincidindo co cambio de ano. En concreto, o pasado día 30 de decembro notificouse o óbito dunha doente de 91 anos no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

Xusto unha xornada despois, antes de fechar 2021, os equipos sanitarios comunicaron que non superara a enfermidade unha paciente de 93 anos que fora trasladada desde a Residencia A Carballa de Coles ao hospital de Ourense.

Igualmente, foi en Fin de Ano cando se confirmou o deceso dun varón de 50 anos que permanecía ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) e que non tiña patoloxías previas.

Oito vítimas en 2022

Malia que aínda non pasaron nin tres días completos desde que comezou 2022, o coronavirus xa provocou a morte doutras oito persoas, catro homes e catro mulleres.

Segundo Sanidade, o pasado sábado perderon a vida unha residente da Servisenior de Brión de 79 anos que estaba baixo seguimento no hospital de Compostela, un doente de 89 anos que era atendido no HULA e outro varón, neste caso de 94 anos, que ficaba no Hospital de Burela.

Este domingo sumáronse outros tres decesos: o dunha muller de 95 anos no hospita de Ferrol; e os de dous homes de 88 anos no CHUAC e no CHUVI, respectivamente.

Á hora de comunicar os novos falecementos, nesta segunda feira non superaran o virus unha paciente do Hospital do Salnés de 84 anos e outra do Hospital Virxe da Xunqueira que tiña 94 anos.

Con estes últimos datos, a pandemia xa provocou 2.782 vítimas no país.