Detectan perto dun 25% de abstención na quenda de vacinación das crianzas de 7 a 9 anos

Crianzas acompañadas polas familias ás portas de Expourense, a pasada terza feira. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A Consellaría de Sanidade continúa coa campaña nesta cuarta feira, 5 de xaneiro, mais na primeira das xornadas previstas puido inocular o remedio fronte á Covid-19 ao 75,9% das 24.360 pequenas que foran chamadas aos vacinódromos.

As crianzas de sete a nove anos continúan a ser atendidas nos vacinódromos habilitados en toda Galiza esta cuarta feira, 5 de xaneiro, dentro da campaña de inoculación do fármaco fronte ao coronavirus programada pola Consellaría de Sanidade. As autoridades sanitarias explicaron que perto do 76% das nenas recibiron a picada no primeiro dos días previstos, polo que igualmente houbo case un 25% de abstención.

A Xunta non afondou nesta falta de asistencia a algunhas das citas, pero parte da poboación pediátrica podería non ter recibido as citas, estar contaxiada ou non ter asistido polas datas festivas nas que se deron as quendas.

O que si deixou claro é que se van facer "repescas" para aquelas persoas que non acudiran.

Así, na terza feira, recibiron a dose 18.500 persoas menores das 24.360 previstas, "o que supón un 75,94% de asistencia". Os traballos continúan hoxe e agárdase poder continuar coa campaña a próxima terza feira, 11 de xaneiro, cando chegue unha nova partida de fármacos.

O obxectivo da Xunta é que a remesa actual permita chegar á inmunización fronte a Covid-19 das nacidas en 2014, "variando o último mes de citación segundo as diferentes áreas sanitarias".

Por áreas sanitarias

Respecto á evolución destas demarcacións, Sanidade explicou que a previsión sería vacinar estes dous días a 8.280 menores en Vigo e 7.920 na Coruña e Cee.

Nas comarcas de Compostela e Barbanza foron chamados 6.120 individuos diana e en Pontevedra e O Salnés os equipos sanitarios prevén inocular doses a 4.320 pequenos.

Aliás, en Lugo-A Mariña-Monforte teñen dispoñíbeis 3.960 doses; en Ourense-Verín e o Barco 3.512 e na área de Ferrol un total de 2.159.