O coronavirus cambiará o aspecto da zona histórica de Compostela

A concelleira de Urbanismo de Compostela, Mercedes Rosón, presidiu a reunión. (Foto: Concello de Santiago)

A comisión de Patrimonio permitirá que os estabelecementos hostaleiros instalen pantallas e calefactores na cidade vella para paliar as perdas derivadas das restricións pola pandemia.

A hostalaría de Compostela logrou onte unha pequena vitoria dentro dunha situación de crise con poucos precedentes ao conseguir que o Concello permita que o casco antigo da cidade incorpore pantallas e calefactores nas terrazas dos negocios.

A decisión foi tomada pola Comisión Asesora de Patrimonio Histórico da Cidade, na que están representadas as distintas forzas políticas con representación no Consistorio así como a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta.

Malia que seguramente sexa necesaria unha pronunciación da Alcaldía, a negociación xa contempla que haxa biombos ou biombos transparentes de até 1,5 metros de altura.

Así mesmo, haberá permiso ao empresariado para que tamén instale na vía pública calefactores para que a falta de capacidade no interior dos locais por mor da Covid-19 se compense, dalgún xeito, no exterior aínda que o tempo non acompañe demasiado.

O acordo foi unánime após estudar a documentación que achegou a Asociación de Hostalaría de Compostela e que tamén foi analizada polo Colexio Oficial de Arquitectos da Galiza (COAG).

O aspecto da cidade cambiará temporalmente, mais será cunhas normas estritas. Poderán colocarse pantallas pero serán transparentes e nun acabado mate. Ademais, non se poderá tocar o chan para ancorar os elementos, senón que irán pousados sen máis.

Tampouco se permitirá que teñan publicidade, nin dos propios estabelecementos. No que respecta aos calefactores, os eléctricos poderán pendurar dos toldos e os de butano ou propano terán unha altura máxima de 1,35 metros, salvo os das prazas que están na contorna da catedral, que contarán cunha altura maior. Desta maneira se pretende combater o clima compostelán e extender un pouco máis a tempada de terrazas na hostalaría.