Coronavirus: descenden o número de ingresados e os casos activos

Test de Covid-19 (Foto: Okrasiuk)
A Galiza suma outros nove falecidos que elevan as vítimas da pandemia a 3.663.

As persoas ingresadas pola Covid-19 no conxunto da Galiza descenden a 825, o que supón 35 menos que o día anterior e 131 máis que hai unha semana. Ademais, 30 persoas permanecen en UCI -seis menos que a xornada pasada-, mentres que os casos activos descenden a 17.615, que implican 115 menos, após detectarse 1.380 contagios. A taxa de positividad sobe a un 50,33% na Galiza.

Segundo os datos actualizados este sábado pola Consellería de Sanidade, con rexistros até as 18,00 horas da sexta feira,  os pacientes hospitalizados pola Covid en UCI descenden a 30 e os ingresados noutras unidades convencionais descenden a 825 -35 meno--, mentres que 16.760 atópanse en seguimento no seu domicilio. Hai unha semana, o sábado 2 de xullo, había 689 hospitalizados -136 menos que na actualidade-, 22 en críticos.

Por áreas sanitarias, na Coruña e Cee aumentan a 151 os pacientes hospitalizados (+4), pero descenden a sete os ingresados en UCI (-2); mentres que a de Vigo rexistra un paciente menos en UCI -cinco en total- e 122 hospitalizados (-2).

Así mesmo, en Ferrol mantense unha persoa ingresada pola Covid-19 en UCI e hai 62 persoas en planta (-1). En Santiago e Barbanza mantéñense en cinco os hospitalizados en UCI e ascenden a 136 os pacientes ingresados noutras unidades de hospitalización.

Por contra, en Ourense descenden tanto os ingresados en UCI como en planta. Nestes momentos, segundo a Consellería, rexístranse tres pacientes con covid en UCI (-1) e 148 en planta (-2).

Este mesmo descenso tamén se observa na área de Pontevedra, onde os ingresados en unidades de coidados intensivos descenden a dous --este venres eran catro-- e en planta permanecen 103 persoas (-1).

Mesma tendencia nos centros hospitalarios da área de Lugo. Alí mantéñense en sete os ingresados en UCI, pero descenden a 101 os hospitalizados en planta (-3).

 

 

Descenso de casos activos

Após catro xornadas de aumento dos casos activos de Covid-19 na Galiza, este sábado rexístrase un lixeiro descenso. Nestes momentos os pacientes que pasan a enfermidade na comunidade son 17.615, que implican 115 menos que este venres, ao notificarse 1.380 contagios, ao que se engaden nove falecementos.

Por áreas sanitarias, a da Coruña-Cee é a que máis pacientes covid acumula, con 3.549 (+10), seguida da de Santiago-Barbanza con 3.081 (+20) e da de Vigo con 2.647 (-107). En Lugo mantéñense en 2.534 os pacientes con infección activa, mentres que en Ourense son 2.525 (+9). En Pontevedra e O Salnés, 1.826 (+10); e á cola segue a de Ferrol, que se mantén en 1.426.

 

Menos contaxios

Por outra banda, os novos contaxios de covid-19 experimentan unha estabilización ao descender lixeiramente até os 1.380 detectados polo Sergas nun día, que son 140 menos que os 1.520 notificados na sexta feira.

Cabe lembrar que co novo protocolo non se contabilizan os autotest positivos e non se fan probas de diagnóstico a poboación en xeral, excepto á vulnerábel.

Así, os contaxiados ao longo da pandemia ascenden a 658.761, dos cales 147.019 corresponden á área de Vigo; 136.233 á da Coruña e Cee; 105.281 á de Santiago e Barbanza; 80.698 á de Ourense; 74.978 á de Pontevedra e O Salnés; 73.138 á de Lugo; e 40.481 á de Ferrol.

Desde o comezo da pandemia efectuáronse na Galiza 3.944.268 PCR, após facerse outras 1.256 este pasado venres, e 1.844.390 test de antígenos, deles 2.659 realizados o día anterior, que suman 3.915 entre ambas as probas.

 

Vítimas e curados

As vítimas da pandemia da Covid-19 rexistradas na web do Sergas ascenden a 3.663 ao notificar este sábado a Consellería de Sanidade nove óbitos de persoas con patoloxías previas.

En concreto, o Servizo Galego de Saúde suma o falecemento dunha muller de 94 anos na área sanitaria da Coruña o pasado 22 de xuño. Ademais, notifica o falecemento dun home de 84 anos na área sanitaria de Santiago e Barbanza.

Así mesmo, o pasado mércores 6 de xullo faleceron con covid tres persoas: dous homes de 83 e 94 anos na área sanitaria de Vigo e unha muller de 85 anos na Coruña e Cee.

As demais mortes producíronse o xoves 7 de xullo. Foron tres homes de 78, 77 e 85 anos na Coruña e Cee e unha muller de 70 anos na área sanitaria de Vigo.

Mentres, desde o inicio desta crise sanitaria 637.573 persoas curáronse da covid-19 no país.