As corentenas de persoas contaxiadas por Covid-19 reduciranse de 10 a 7 días

Unha mostra dunha PCR. (Foto: Nós Diario)

A Comisión de Saúde Pública, na que están representadas as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, acordou "por unanimidade" reducir a corentena de todos os positivos por Covid-19 a sete días, fronte aos dez actualmente fixados.

Segundo informaron fontes sanitarias a Europa Press, igualmente as persoas non vacinadas que foron contactos estreitos dun positivo tamén verán reducido o seu período de illamento até os sete días, en comparación con dez até o de agora.

A norma xa estabelecía que as persoas vacinadas que eran contacto estreito non tiñan que facer corentena.

Ao respecto desta decisión, a ministra de Sanidade, Carolina Darias, xustificou o cambio no tempo de corentena no feito de que a variante ómicrom precisa dun "menor período de incubación".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, reiterou, ás portas da próxima reunirón Interterritorial de Sanidade, a importancia que, a xuízo do seu Executivo, ten adiantar aos tres meses a admnistración da dose de reforzo fronte á covid-19, á vez que tamén considerou "razoable e urxente" abordar o debate sobre a posibilidade de acurtar as corentenas.

"Se podemos estar sete días corentenados, non debemos estar dez", dixo o presidente da Xunta na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Executivo.

Antíxenos

A pandemia da Covid-19 volve a traer situacións de abuso nos prezos de produtos fundamentais para manter lonxe a posibilidade de contaxios na sociedade. Aconteceu coas máscaras cando apareceu o virus e as primeiras medidas sanitarias impuxeron as máscaras.

Pouco tempo despois, pasou o mesmo cos xeles hidroalcohólicos.

Agora as denuncias por especulación chegan aos test de antíxenos, unha ferramenta sinxela e doada de empregar coa que podemos realizarnos un autodiagnóstico.