En corentena un buque mercante fondeado na ría de Pontevedra

Unha parte da ría de Pontevedra, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O Ministerio de Sanidade ordenou esta medida após comunicarse “casos sospeitosos de Covid-19 no ámbito marítimo”. A previsión é que a tripulación da embarcación permaneza illada até dez días a pesar de que non se informou do número exacto de casos activos.

Sanidade Exterior, departamento dependente do Ministerio de Sanidade, comunicou esta sexta feira que un buque mercante permanece en corentena na ría de Pontevedra após detectar varios casos activos de coronavirus.

Malia que non se especificou o número de tripulantes afectados pola Covid-19 nin a gravidade dos síntomas, Sanidade tomou esta decisión o pasado 5 de outubro polo “casos sospeitosos no ámbito marítimo”.

Fontes do departamento que dirixe Carolina Darias -que é o competente neste caso- aclararon: “Aplicáronse as directrices estabelecidas no protocolo sanitario vixente ante a aparición de casos sospeitosos de Covid-19 no ámbito marítimo”.

Segundo informa Europa Press, o prazo de illamento estabelecido foi de 10 días para todas as persoas dentro da embarcación.

No entanto, é unha cuestión de que fagan corentena quer os enfermos, quer aqueles traballadores considerados contactos estreitos.

Aplicáronse as directrices estabelecidas no protocolo sanitario vixente ante a aparición de casos sospeitosos de Covid-19 no ámbito marítimo”

En calquera caso, incídese en que o estado de saúde xeral foi “bo en todo momento”.

Dado que as probas da Covid-19 practicadas deron negativo no último control, a idea é “outorgar a libre plática”, é dicir, a autorización aduaneira para que o buque poida levar a cabo as operacións de embarque e desembarque de mercancías que tiña prevista.