Corcubión tamén se declara "concello libre de eucaliptos"

eucalipto

A proposta presentada pola asociación Boca de Sapo obtivo apoio de PP, PSOE e BNG e a abstención de Pacor.

O pleno de Corcubión da pasada sexta feira aprobou declarar este concello da comarca de Fisterra “libre de eucaliptos”. Unha declaración que contou cos votos a favor de PSOE (3 concelleiros), BNG (3) e PP (2), así como coa abstención do Partido autónomo de Corcubión, que ten un edil. O posicionamento produciuse a raíz da moción presentada por Boca de Sapo, unha asociación recentemente constituída e que se marca como finalidades traballar no eido da defensa do territorio e da cultura, entre outros.

 

O concello de Corcubión comprométese, logo, ao se declarar “libre de eucaliptos” a pular por substituír nos espazos públicos esta especie por frondosas e nos particulares a que se cumpra a Lei de Montes.

 

Corcubión súmase así a outros concellos galegos, como O Grove, Pantón ou Folgoso do Courel, que ao longo destes meses deron o paso de se declarar  libres de eucalipto.

 

Entidades ambientalistas e ecoloxistas denuncian desde hai tempo a 'eucaliptización' de Galiza. “Na Galiza o eucalipto atinxe 500.000 hectáreas e aumentando”, denunciaban desde Adega, Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza. Ocupa case o 17% de todo o territorio galego. Por iso, os ambientalistas apostan en prohibir o eucaliptus nitens por invasor e fixar moratoria para o globulus.