Coral Piñeiro é directora de 'Dores'

Coral Piñeiro: “Non coñecer o noso pasado permítenos deformalo e fai que xamais aprendamos del”

De pé, Clara Miñán e Laura Piñeiro; debaixo, Maite Martínez e Coral Piñeiro. (Foto: Nós Diario)
Dores é unha curtametraxe documental de Maite Martínez, Coral Piñeiro, Laura Piñeiro e Clara Miñán. Nela tratan de mostrar algunhas das pegadas que o franquismo deixou na Galiza nas pequenas vilas, lonxe dos grandes focos mediáticos. A obra permite, en palabras das súas creadoras, “entrar en contacto con relatos que requiren de gran sensibilidade á hora de tratalos”.

-Podería contar sobre que trata o documental?

Dores trata sobre o descoñecemento da nosa propia historia. Desde a existencia dos campos de concentración que funcionaron na Galiza desde o golpe de Estado até o silencio que se mantivo ao longo de moitos anos dentro das familias de vítimas da represión. Intentamos plasmar a necesidade de falar sobre cuestións coma estas para que non rematen soterradas e condenadas ao esquecemento.

-Que as motivou a gravar Dores?

Todo comezou cando atopamos unha noticia publicada por Nós Diario na que se falaba sobre os campos de concentración franquistas na Galiza. Até ese momento descoñecíamos a existencia deses espazos. Xurdiu en nós un grande interese e preocupación con respecto a ese tema. Considerámola desde o primeiro momento unha temática que podía resultar relevante para basear o noso traballo de fin de grao, e percibímolo como unha oportunidade para difundir toda esa información. Sendo nós persoas con intereses e inquedanzas políticas, foi moi sorprendente atoparnos de cheo con todo ese pasado “oculto”.

-Como foi o proceso de gravación? Afectou a pandemia?

O comezo da corentena modificou por completo o noso plan de rodaxe previsto. Tivemos que adaptarnos ás novas condicións. A pandemia tamén dificultou poder xuntarnos con xente maior, que son precisamente quen máis información nos podían achegar. Moitas das nosas expectativas á hora de realizar este proxecto víronse frustradas e tivemos que buscar novas alternativas que se adaptasen á nova normalidade.

A través de Dores, temos a oportunidade de ilustrar un pasado que se quixo manter silenciado 

-Que acollida tivo o documental até o de agora?

Estamos moi contentas coa acollida que está a ter. Nótase que a xente agradece que se difunda este tipo de información, e sobre todo nun medio tan fácil de consumir como é o audiovisual. Tamén estamos moi contentas polo percorrido que está a ter en festivais internacionais. Esperamos poder anunciar novas seleccións, sobre todo en festivais galegos, proximamente.

-Por onde pasa o futuro de Dores?  

Por agora estamos intentando movelo por todos os festivais que poidamos. Cara a final de verán decorren moitos na Galiza e agardamos poder formar parte dalgúns deles. Ademais, estamos intentando aproveitar estes meses de verán para facer proxeccións e coloquios en distintos concellos, tamén ao aire libre.

O pasado 15 de xullo tivemos a nosa primeira proxección, en Redondela, e estamos moi satisfeitas co resultado. Máis alá do verán, as nosas intencións son poder partir da nosa curtametraxe para elaborar unha unidade didáctica que se poida levar a colexios e institutos. 

-Cre que é importante desenvolver proxectos que pulen pola recuperación da memoria histórica?  

Pensamos que é fundamental dedicar tempo a difundir este tipo de contidos. Aínda que é certo que esta información está moi ben recollida en artigos académicos e libros, é moi importante que tamén se difunda a través de medios coma o cinema, moito máis próximos á xente allea a esas esferas. A través de Dores, temos a oportunidade de ilustrar un pasado que se quixo manter silenciado por parte das institucións gobernamentais. Non houbo nunca moito interese pola recuperación desta memoria. Tendo en conta que cada vez queda menos xente que nos poida transmitir esta información de primeira man, isto pode considerarse unha carreira contra o tempo. Non coñecer o noso pasado permítenos deformalo e fai que xamais aprendamos del.