A coordinadora galega pide unha moratoria da instalación do 5G

Foto: ( Marcos Paulo Prado / Europa Press)
Máis de 1.000 organizacións de diferentes ámbitos apoian a petición de adiar a instalación desta tecnoloxía.

A coordinadora galega pola moratoria do 5G presentou unha petición polo adiamento da instalación desta tecnoloxía a máis de 80 concellos galegos implicados no seu despregamento, por “non atender ao principio de precaución e afondar na crise eco-social actual”, aseguran desde Ecoloxistas en Acción.

Na súa petición aos concellos, a coordinadora expón datos e informes que apuntan que este proceso de dixitalización do 5G e do Internet aumentan de forma exponencial a exposición ás radiofrecuencias, ás emisións de CO2 e o consumo enerxético, o extractivísimo mineiro, a obsolescencia tecnolóxica e o hiperconsumismo, a insostíbel e contaminante agro-gandaría intensiva na súa versión 4.0, a vixilancia e control social, a dependencia tecnolóxica e as conductas aditivas, o lixo electrónico terrestre e espacial, así como compromete á predición meteorolóxica e climática e o estudo astronómico.

Lembra que lonxe de ser inmaterial, as emisión de gases de efecto invernadoiro do sector dixital convencional en 2019 xa dobraron as que tiña o transporte aéreo civil, e teñen unha “previsión de alcanzar o 8% en 2025 e o 14% en 2040”. Ao mesmo, diferentes expertos consideran que coa tecnoloxía 5G e o seu Internet aumentarían "drasticamente as emisións globais de gases invernadoiro máis alá das proxeccións" dos estudos coñecidos, sustentados só nas Tecnoloxías da Información e da Comunicación convencionais.

Alén, expón que, co argumento de reducir a brecha dixital, aumentaría unha brecha social en detrimento de estender outras tecnoloxías biocompatíbeis (igual ou máis rápidas e máis seguras, como o cable de fibra óptica), e de outros modelos de consumo, educación e convivencia, como as baseadas en redes comunitarias.

Desde a Coordinadora Galega, require aos concellos abrir un debate plural previo ao despregamento do 5G. Considera dito debate secuestrado e actualmente condicionado para acceder aos plans de estímulo europeos do Next Generation EU. Critican que estes fondos estean “comprometidos a un proceso acrítico deste despregamento tecnolóxico, auspiciado e maquillado polo Foro Económico Mundial como "inocuo", "verde" e "inmaterial", benfeitor do planeta e da humanidade”.

Esta petición conta co apoio de entidades sociais tanto do país coma do estado. “Preto de 1.000 organizacións do ámbito veciñal, ecoloxista a e medio ambiente (como Ecoloxistas en Acción, ADEGA, Comando Ghichas, Luita Verde), de ámbito animalista, de asociacións de enfermidades ambientais (como a Asociación de Sensibilidade Química Múltiple de Galicia), de plataformas STOP 5G, decrecentistas (como a Rede para o Decrecemento de Eo-Navia, Galiza, e O Bierzo), da solidariedade internacional (como o Comité Oscar Romero de Vigo), da educación, de consumidores, das comunidades xitana e mígrante (como Presencia Gitana), do sindicalismo agrario (como o Sindicato Labrego Galego), de defensa do público, da defensa da saúde e contra a contaminación electromagnética”, aseguran desde Ecoloxista en Acción.

Algúns dos concellos aos que se lle enviou esta petición son: Baiona, Cambados, Pontevedra, Tui, Vilagarcía de Aurousa, Ourense, San Cibrao das Viñas, Chantada, Foz, Viveiro, Ateixo, Cedeira, A Laracha, Muros, Ortigueira, Sada e Santiago de Compostela, entre outros.