Un proxecto organizado por universitarias de Compostela abre canles para evitar espazos inseguros en soidade

Coordinadas por Whatsapp para que o campus non dea medo

Asemblea do Campus do Medo
Baixo a premisa de que «a noite tamén é nosa» funciona o Campus do Medo, un proxecto aberto, autoorganizado e asembleario impulsado por un grupo de mozas universitarias compostelás para facer fronte ás situacións de inseguridade que perciben nesta e noutras cidades galegas.  
 

Vai xa para dous anos que un grupo de mozas da Universidade de Compostela celebraba a asemblea que deu pé ao espazo Campus do Medo, un proxecto que naceu da autoorganización para procurar respostas á preocupación compartida por moitas ante a falta de seguridade das alumnas. Para poñerlle nome, as integrantes inspiráronse no Mapa do Medo posto en marcha meses antes por outra moza galega, Jessyca Ocampo, para situar lugares e testemuños de agresións, e que colleitou ducias de historias e puntos escuros na xeografía do país cartografiada a través do Google Maps.

Como aquel, o Campus do medo tamén quere dar visibilidade aos problemas das universitarias pola mera razón de ser iso, alumnas e non alumnos, mulleres e non homes, nos espazos dos campus. O seu perfil  social en Instagram comparte desde hai ano e medio un feixe de historias en primeira persoa situadas dentro e fóra de Compostela cun reclamo: «Rachar o silencio é revolucionario».

 A elas súmanse as asembleas –publicitadas a través de redes sociais como Twitter–, que queren facer de forma periódica para compartir propostas de accións, accións que medran estes días coa apertura de dous grupos de Whatsapp que permiten ás participantes coordinarse para non ter que saír do campus ou transitar espazos que xeren inseguridade en soidade. «Vimos de crear dous grupos, un para o Campus Norte e outro para o Campus Sur, para tentar que as rapazas que non teñen con quen volver á casa poidan poñerse en contacto con outras rapazas na mesma situación e acompañarse», explican. 

Como expoñen as impulsoras desta iniciativa, «o medo a seren agredidas e a sensación de desprotección é común a todas as estudantes que teñen que pasar polos campus pola noite, e especialmente ás que viven nas residencias universitarias», xa que non é infrecuente atopar, nos treitos escuros, varóns que incomodan a quen transita soa. 

Demandas

A falta de iluminación é unha das eivas que teñen detectadas e polas que reclaman ás Administracións municipais e universitaria. De feito, o Concello de Santiago de Compostela e a Universidade teñen xa entre mans un proxecto para a creación dunha 'senda segura' no Campus Sur, unha reivindicación antiga do alumnado, que, entre outras melloras, contempla un reforzo do alumeado. Pero hai máis: a ampliación das roldas de vixilancia, unha formación para o persoal de seguridade que o prepare para atender a vítimas de agresión sexuais, un bus nocturno que percorra a zona máis céntrica da cidade e a incorporación do sistema de 'paradas antiacoso'  para que calquera muller que se sinta incomodada por un pasaxeiro poida baixar sen que ninguén a siga, previo aviso ao condutor ou condutora. 

Para expoñelas, xa teñen solicitada unha xuntanza co Goberno municipal, «onde reclamarlle que tome partido» na solución dun problema que, denuncian, «é xeneralizado e leva afectando as rapazas que viven ou estudan en Compostela desde hai xa demasiados anos».