Denuncian a apertura do servizo de apoio familiar da Asociación de Pais Divorciados

Crianzas nun espazo de xogo (Unsplash).
A apertura do Servizo de Apoio Familiar Integral e Multidisciplinar, que estes días presenta por todo o territorio a Asociación de Pais e Nais Divorciados de Galiza, alertou unha trintena de colectivos sociais que reclaman o peche desta unidade.

Unha trintena de colectivos sociais denuncian a apertura do servizo "público" de atención familiar que estes días anuncia a Asociación Galega de Pais e Nais Divorciados. Segundo din, ocentro conta co apoio financeiro da Xunta de Galiza e coa colaboración da Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago de Compostela mais do Grupo de investigación en Psicoloxía Xurídica da Universidade de Vigo.

Ademais de cuestionar estas axudas públicas, manteñen que a unidade pretende ocupar un espazo de “enorme relevancia” en casos de divorcio ou separación moi conflitivos, que poden chegar a comprometer os dereitos fundamentais de nenos, nenas, adolescentes e nais; vítimas en moitos, as máis das veces, de abusos sexuais e violencia de xénero.

Divorcios conflitivos

Explícao a Sermos Galiza o responsábel da área xurídica da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME). Para Víctor Manuel López Casal, este novo servizo ignora a “realidade social” que se agocha tras os divorcios máis duros. “Esta unidade non aborda a orixe das separacións e dos divorcios conflitivos, que está nos abusos sexuais e a violencia de xénero. Un de cada cinco menos son abusados. Só se denuncia 4% dos casos e 70% sobresense en fase de instrución”. 

Esta unidade non aborda a orixe das separacións e dos divorcios conflitivos, que está nos abusos sexuais e a violencia de xénero.

Tamén nos casos de violencia machista, engade. Hai moitos que non prosperan nos xulgados e que deixan tras de si un procedemento civil complexo e esencial sobre o réxime de custodia e visita dos fillas menores de idade.

“Quen promove este servizo de atención a familias separadas promove a figura do coordinador parental”, explica Víctor Manuel López, “unha figura xurídica non regulada e suxeita a patente por parte de Fundación Filia, que leva aos espazos públicos o seu discurso negacionista da violencia de xénero e o abuso sexual infantil”.

Alienación parental

Son, engade, persoas defensoras da síndrome de alienación parental, unha ideoloxía que busca desacreditar o testemuño de nais e crianzas denunciantes de calquera tipo de violencia. “É moi preocupante que cheguen a prosperar espazos así, xestionados por intereses privados con fondos públicos, que máis que aportar unha solución favorecen un mecanismo de presión e coacción sobre as vítimas”.

AGAMME e outras 28 asociacións de dereitos da infancia, de loita contra a violencia de xénero, colexios profesionais, sindicatos e os partidos da oposición no Parlamento de Galiza asinan un comunicado que xa entregaron na Consellaría de Política Social para pedirlle a retirada do apoio financeiro a esta entidade.

Unha trintena de colectivos sociais alerta do perigo dun uso indebido e interesado da figura de coordinación parenteal, carente dunha regulación que asista os dereitos das usuarias.

Pero non só. Alertan do perigo dun uso indebido e interesado da figura de coordinación parental, carente dunha regulación que asista os dereitos das usuarias. Por iso fan fincapé na necesidade de vixiar calquera iniciativa que busque intervir sen “garantías nin imparcialidade” nun ámbito tan sensíbel, de forma que unha actuación “inaxeitada pode poñer en risco o benestar de persoas menores de idade".

A Xunta referenda as axudas concedidas

Desde a Consellaría de Política Social xustifican que "non se trata dun servizo prestado pola Xunta de Galiza, senón dunha iniciativa privada que conta con financiamento autonómico a través dunha liña de axudas específica, da que se pode beneficiar calquera entidade que reúna os requisitos". No caso da Asociación Galega de Pais e Nais Divorciados, "presentou un proxecto que reunía todas as características técnicas axeitadas para a concesión da axuda", explican, e inciden en que para a concesión do apoio financeiro avaliaron tanto o contido da iniciativa como "a participación de profesionais do ámbito en cuestión".