O cooperativismo medrou en Galiza en 30% desde o inicio da crise

#SomosCoop, a campaña da Unión de Cooperativas galegas Epazocopp co obxetivo de visibilizar o cooperativismo na sociedade galega e estimular un consumo responsábel.

As cooperativas son un dos alicerces da denominada ‘Economía Social’, sector que conta en Galiza con máis de 7.000 entidades, e emprega xa a 320.000 galegas e galegos, que producen 10 % do PIB do noso país, segundo datos da Consellería de Economía.

 

O cooperativismo medrou en Galiza en 30% dende que comezou a crise. Contamos  con 1.318 cooperativas rexistradas, 300 máis que hai dez anos. Son dados da Unión de Cooperativas galegas Espazocoop, que esta sexta feira realiza asemblea e definirá nela o seu plan de traballo para 2018.

 

No marco desta asemblea darase un pulo á campaña #SomosCoop, que procura aumentar o coñecemento das cooperativas, “revalorizando un modelo económico positivo, e apoiándose no momento que atravesa a economía social e o cooperativismo en Galiza”.

 

Nos últimos anos van xurdindo cooperativas en todos os sectores, dando pulo a unha nova estapa na que o cooperativismo galego xa non é só agroalimentario; e que segundo o presidente de Espazocoop, Celso Gándara, “responden ás demandas dun novo perfil de consumidor que fai cada vez un consumo máis responsable e busca produtos e servizos con garantías e valores, sabendo da súa proximidade e do impacto positivo sobre o noso territorio”.

 

“En moitos ámbitos da nosa vida están presentes as cooperativas, pero quizais non o saibamos, por iso a campaña #SomosCoop quere invitar ás cooperativas galegas a que amosen con orgullo este valor”. Con esta campaña tamén se espera fortalecer o sentido de pertenza a un movemento que implica a máis de 1.000 millóns de persoas socias en todo o mundo e que xera máis emprego que as empresas multinacionais.

 

As cooperativas distínguense doutras empresas, pola súa contribución á xeración de emprego estable; ao desenvolvemento humano e profesional das persoas que agrupan; á cohesión social e a solidariedade nos territorios nos que actúan.