A FONDO

Cooperativas como ferramentas para o cambio social

No A Fondo desta semana facémonos eco de cooperativas galegas que desenvolven o seu labor como ferramentas para o necesario cambio social. Recollemos exemplos do campo da enerxía, da cultura, do urbanismo, da banca e do consumo. Todo no caderno de análise do Sermos190.

Coordinado por Roberto López Veiga, o A Fondo que publicamos esta semana recolle exemplos de cooperativas que, nadas na Galiza, se presentan como alternativas en busca de xustiza social, cunha ollada ampla e xenerosa.

En palabras do coordinador, as cooperativas das que damos conta no monográfico representan “unha produción e consumo conscientes, unha banca non especulativa, unha arquitectura feita para a xente e que conta coa xente, un laboratorio de ideas para crear novos camiños de ser e estar e, todo isto, mobilizado con enerxías renovábeis para non ficar sen baterías antes de tempo”.

Na liña de “cooperar no canto de competir”, presentamos o labor que desenvolven entidades como Nosa Enerxía, que busca un modelo enerxético máis xusto. Os membros do seu Consello Reitor explican no A Fondo o modelo que promoven e a súa aposta en reinvestir os seus beneficios no país.

Hábitat Social traballa nos ámbitos da arquitectura, o urbanismo e a intervención comunitaria. Aliás favorece intervencións no campo da formación e da sensibilización. Carolina Jack Lago, arquitecta, expón as máximas desta cooperativa que naceu ao abeiro do activismo e para a que o factor humano é fundamental.

A entrevista do A Fondo dedícaselle a Marcial Blanco Castelos, un dos responsábeis da cooperativa de consumo Zocamiñoca, que debulla as tarefas que desenvolve este colectivo que aposta na produción local como motor capaz de vertebrar a economía e de potenciar a capacidade de producir alimentos.

María Abelleira Fontán é unha das responsábeis de MaOs Innovación Social e escribe no monográfico sobre os proxectos culturais e sociais que realizou esta cooperativa, que traballa por un modelo que garanta o benestar das persoas.

Fiare Banca Ética é outra das iniciativas que recollemos neste A Fondo, no que a cooperativa dá conta do seu funcionamento.

Fechamos o monográfico desta semana cun artigo de opinión do coordinador, que avoga por artellar alternativas ao modelo “individualista, competitivo, consumista e sen alma, o de producir máis e máis porque si, sen ter en conta os custos emocionais, sociais ou medio ambientas”. Sinala que “todas as cooperativas que están a xurdir son a punta do iceberg dun movemento cada vez máis amplo e forte que nos debe dirixir cara a un entendemento cada vez máis inclusivo”.

 

[Este A Fondo xa está dispoñíbel na loxa]