“A cooperación internacional de Galiza debe ter un carácter propio”

Imaxe: Coordinadora Galega de ONGDs

Alejandro Quiñoá foi eleito recentemente novo presidente da Coordinadora Galega de ONGD pola asemblea xeral desta organización, que representa 45 entidades e por volta de 40.000 persoas. Conversamos con el sobre retos e realidades da cooperación internacional. “A cooperación non é caridade nin asistencialismo, é xustiza”, lémbranos.

Alejandro Quiñoá (Lugo, 1980) foi elixido a finais do pasado mes de marzo novo presidente da Coordenadora Galega de ONGD en asemblea xeral, substituíndo Gemma Filgueira, que levaba seis anos como máxima representante da organización.

- Cales son os principais retos que tendes por diante a nova Coordinadora eleita?

- Marcámonos principalmente tres obxectivos. O primeiro sería a curto prazo: a  Xunta de Galiza vai elaborar o seu IV Plan Director de Cooperación, que é o que rexe cal van ser os principais mecanismos e ferramentas, incluso a idiosincracia que lle van dar á política de cooperación que se fai en Galiza. O anterior plan non tivo o noso apoio, por iso temos como reto recuperar o consenso que sempre tivo esta política pública entre administracións, ONGDs e organizacións. Un consenso non só no eido económico, que é importante, mais tamén nos obxectivos e prioridades.

O segundo reto, a medio prazo é máis sinxelo, implementar un plan estratéxico, que xa elaboramos de forma conxunta entre as 45 entidades que fan parte da Coordenadora Galega de ONGD.

O terceiro reto, e xa máis a longo prazo, é asentar un modelo de cooperación propio en Galiza, que haxa un mapa de actores amplo que teña políticas propias de cooperación. A raíz das acampadas do 0,7 aló polo 1994, na maioría do estado español conformouse un modelo de cooperación descentralizado, a cidadanía demandou non só un compromiso estatal mais tamén de autonomías e concellos. Noutros territorios si que foron quen de articular un mecanismo propio polo que deputacións e concellos tivesen unha política pública propia de cooperación e en Galiza non fomos quen diso. É certo que existen iniciativas importantes, o Fondo Galego, que concellos como o de Lugo fan convocatorias abertas, que a vicepresidente da Deputación de Coruña impulsa convocatorias de cooperación internacional, que tamén impulsou o Concello da Coruña, o de Lugo Mantén e Compostela vai sacar.

- Aínda son fabas contadas en Galiza as institucións implicadas e comprometidas realmente na cooperación internacional. Como se pode ir a máis aí? Que pasos se poden dar?

- O primeiro é entender que cando falamos de cooperación estamos a falar de xustiza global e de dereitos humanos. Non pretendemos que a cooperación sexa a política prioritaria das entidades locais, provinciais ou autonómicas mais si que sexamos responsábeis, estamos a ver que a desigualdade no mundo medra, que a fenda entre pobres e ricos vai a máis... E para superar esta situación, nun mundo global, interconectado, temos que intervir todas e todos, e é aí onde temos que incidir nos concellos. E tamén para que desde estas entidades se promovan políticas públicas coherentes con estes principios e que, entre todos, contribuamos a construír unha cidadanía máis crítica.

- Non poucas veces atopamos unha dicotomía: a cooperación é un valor que todos, sociedade e administración, apontan como necesaria cando non imprescindíbel mais que, á hora da realidade,  iso non calla moitas veces en compromisos reais e concretos. Como unha diferenza entre o que se di e o que se fai.

- É unha dicotomía que temos que combater, que se entenda, tanto por cidadanía como por institucións, que a política de cooperación non é unha política de caridade nin asistencialista. É unha política de xustiza global, de nada val que tratemos de abranguer situacións de emerxencia senón somos quen de dar un desenvolvemento real, un desenvolvemento que non debe chegar desde a superioridade senón desde a horizontalidade. Se algo aprendemos  as ONGDs durante todos estes anos de traxectoria e que o único desenvolvemento sostíbel a longo prazo é o que constrúen as propias sociedades dos países empobrecidos. Nós o que temos que facer á axudar a sociedade civil para que teña ferramentas suficientes, económicas, técnicas..., para que impulsen o desenvolvemento dos seus propios países. O noso referente sempre van ser as ONGDs locais e as sociedades deses países.

- Falabamos antes de que entre os retos da nova Coordinadora vai estar o de recuperar o consenso para o IV Plan de Cooperación Galega da Xunta, un consenso que non existiu no que se está aplicando actualmente. Como valorades, agora que está en andamento ese plan, a negativa que no seu momento destes ao mesmo? E que requisitos considerades que debería de reunir o IV Plan (2018-2021) para obter ese consenso?

O Plan que se aplica contou co noso voto en contra e creo que a nosa negativa era acertada. Por unha banda, o que pediamos era un mínimo de 6 millóns de euros para situar Galiza na media do estado español. A día de hoxe o que estamos a adicar é o 0,05% do orzamento para cooperación internacional, porcentaxe moi afastada do 0,7%. Vén sendo 1,7 euros por galego, menos do que costa un refresco ou unha caña de cervexa,  lonxe dos territorios máis avanzados neste campo. Euskadi dedica 16 euros por habitante, Andalucía 5, Asturies, 3,6 euros, por citar tres exemplos.

Mais tamén nos opuxemos a este plan porque se abría a unha tendencia neoliberal que era o de facilitar a incorporación de actores con ánimo de lucro, como empresas, ao ámbito da cooperación. Isto, se ben figuraba no plan rector, na aplicación práctica apenas tivo impacto.

Todos debemos aprender do pasado, é unha mágoa que non chegaramos a un acordo nunha política tan sensíbel.

- E que agardades ou pedides do IV Plan Director?

Que garanta unha dotación orzamentaria suficiente, as ONGDs traballamos en contextos sensíbeis e debemos ter unha previsibilidade de fondos determinados. Tamén queremos que se recuperen signos propios da cooperación en Galiza. No plan anterior figuraba a lusofonía como un elemento característico e nós cremos que a cooperación en Galiza debe ter un carácter, selo diferencial e propio e tense que levantar sobre realidades culturalmente similares. E aí está a lusofonía, co que supón para Galiza e coa potencialidade que ten, e que vai na liña da Iniciativa Valentín paz Andrade, que aprobaron por consenso no Parlamento todas as forzas.

Cremos que ese novo plan debe blindar os actores non gubernamentais e sen ánimo de lucro como actores fundamentais para corresponsabilizarse do deber ético que supón a cooperación para o goberno de Galiza.

Dicir tamén que nas últimas eleccións todos os candidatos tiveron compromisos moi claros coa cooperación electoral na liña do que nós defendemos polo que non vemos a priori que non se poida chegar a un acordo que sexa bo para todos.

- Se miraramos a sociedade galega a través do prisma da súa implicación ou apoio á cooperación internacional, cal sería a imaxe, a fotografía que obteriamos?

- Nós representamos 40.000 persoas, que están asociadas ou colaboran coas 45 ONGDs integradas na Coordinadora, unha cifra máis que respetábel.

- Máis socios que o Celta ou o Dépor ou que moitos partidos políticos...

- Agradecemos profundamente a implicación destes miles de persoas, que aguantaron tempos de crise e continúan aí. Fan de Galiza un país solidario. A nivel histórico, fomos quen de tecer redes de solidariedade na época da emigración e que foron importantes para tr servizos básicos, como a educación ou a sanidade. Comprobamos que as redes de solidariedade funcionan.

Non temos datos desagregados de Galiza, mais no CIS do 2015 figura como o 64,5% da poboación considera como principal problema mundial a pobreza e a desigualdade; ou como o 72,5% cría importante a cooperación embora o momento de crise que atravesamos. Ademais, as ONGDS, son das institucións máis valoradas, algo que ratifica tanto o CIS como barómetros europeos. Lexitimidade suficiente para pedir unha política de cooperación digna.