CARA AO 8-M

"Esta é unha convocatoria do conxunto do feminismo galego"

Pili Estévez [Imaxe cedida]

Pili Estévez enceta unha rolda de entrevistas que Sermos vai publicar coa vista posta no Día Internacional das Mulleres e explícanos as razóns da convocatoria unitaria lanzada polo conxunto do movemento feminista "na súa diversidade".

 

Pili Estévez fai parte da Plataforma galega en defensa do dereito ao aborto. Do seo deste espazo de traballo colectivo xurdiu a convocatoria dunha manifestación unitaria o vindeiro 8 de marzo. Desde a "diversidade" do feminismo galego lanzan un chamamento a se mobilizar no Día Internacional das Mulleres polos dereitos de todas e contra o "retroceso" que en materia de igualdade están a supor as políticas da dereita. 

Baixo o lema 'Feminismo para avanzar, xuntas nunha mesma loita' a manifestación partirá da estación de comboios de Compostela o domingo ás 12.00 horas. 

Como xorde a convocatoria dunha mobilización unitaria?
O 8 de marzo é unha data de axenda que abrangue todo o feminismo. O pasado ano fora convocada a manifestación desde a Plataforma galega en defensa do dereito ao aborto mais este ano entendiamos que a convocatoria debía partir do conxunto do feminismo galego na súa diversidade, de todas as organizacións e colectivos. De aí que sexa un chamado amplo e unitario. Coidamos interesante confluír. 

A manifestación, convocada baixo o lema "Feminismo para avanzar", partirá da estación de comboios de Compostela o domingo ás 12 horas

Nos últimos anos a loita en defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos, nomeadamente o dereito ao aborto, centrou as reivindicacións. Desta volta, volve ser un 8 de marzo transversal?
Desde o momento no que é unha convocatoria unitaria trascende a unha soa loita. Todas as organizacións e mesmo a propia plataforma coincidimos en denunciar os retrocesos sociais que se están a producir froito das políticas do Partido Popular. No plano social, económico ou laboral. Neste senso, o lema é o máis expresivo posíbel [Feminismo para avanzar, xuntas nunha mesma loita]. 

"Se quedamos na casa, se non alzamos a nosa voz, esmagarán os nosos dereitos"

Existe unha variábel de xénero nas consecuencias da crise?
Por suposto. A situación das mulleres, por exemplo, no mundo laboral así o evidencia. Atínxenos unha maior taxa de desemprego e precariedade. Aliás, padecemos a volta ao rol asignado de coidadoras téndomos que asumir o traballo da casa, non remunerado, co que se está a suplir o desmantelamento dos servizos sociais e das axudas. 

Para alguén que nunca participara nunha mobilización o 8 de marzo, que razóns lle darías para acudir?
Esta é unha loita importante, como tantas outras. Se quedamos na casa, se non alzamos a nosa voz, esmagarán os nosos dereitos. E vímolo, por exemplo, coa retirada do anteproxecto de lei de reforma do aborto. Se non fose pola presión social e o custe electoral que esta cuestión lles estaba a carrexar non o terían retirado. Os dereitos non se agasallan, conquístanse. É por iso importante loitar. 

Fe de grallas. Este artigo foi editado por volta das 12.20h para mudar o que, por erro, se atribuíu como lema da manifestación e que, en realidade, se corresponde co título do manifesto de convocatoria, 'Resistimos e loitamos'. A lexenda correcta é 'Feminismo para avanzar, xuntas nunha mesma loita'.