Protesta en Salvaterra: Dúas pediatras para atender O Condado e Paradanta

Manifestación en defensa da sanidade pública. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
Tivo lugar o día 10 de febreiro ás 20.30h diante do centro de saúde de Salvaterra de Miño. A concentración foi convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e A Paradanta.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e A Paradanta convocou para onte unha concentración na localidade de Salvaterra de Miño.

En declaracións a Nós Diario, a portavoz da plataforma, Maira Barral, destaca as diferentes eivas na sanidade pública polas que se están a convocar estas concentracións e manifestacións: "Esta é unha situación que se vén dando desde moito antes da pandemia, están claros os intereses que se teñen pola privatización", salienta.

Ao ser preguntada pola situación concreta da sanidade pública en Salvaterra de Miño e localidades próximas, Barral manifesta que "non hai persoal suficiente, deberíanse reforzar os Puntos de Atención Continuada (PAC) e, en moitas comarcas, o servizo de pediatría é pésimo. Agora mesmo hai dúas pediatras cubrindo as dúas comarcas [O Condado e A Paradanta] e están totalmente desbordadas, ademais, as condicións laborais son moi precarias".

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e A Paradanta participará da Iniciativa Lexislativa Popular á par que as demais organizacións inseridas na plataforma SOS Sanidade co fin de facer oír as reclamacións no Parlamento da Galiza. "Estamos a colaborar con organizacións de todo o país, e agora encontrámonos elaborando a ILP, que confiamos en que sexa todo un éxito", afirmou a portavoz.

No futuro, teñen pensado continuar a convocar máis concentracións e mobilizacións: "Estamos facendo concentracións todas a quintas feiras polos diferentes concellos das nosas comarcas, as próximas serán en Mondariz, As neves e Covelo".

Toda axuda é benvida 

Barral fai fincapé en que "a plataforma está aberta a todas as persoas que queiran participar e sumarse a esta loita. As nosas asembleas son públicas e precisamos máis persoas para dar máis visibilidade é capacidade de acción á plataforma", concluíu.

Nós Diario vense facendo eco desde as últimas semanas das diferentes mobilizacións que están a ter lugar ao largo da Galiza para denunciar a situación da sanidade pública galega e, en concreto, da Atención Primaria.  A máis masiva decorreu a finais de xaneiro, cando millares de persoas saíron á rúa na Coruña para se manifestaren contra a falta de persoal sanitario. "Levamos máis dun mes de concentracións semanais co servizo de urxencias e co bloque cirúrxico", afirmaban representantes das diferentes asociacións que alí se manifestaban.