Convocan un paro académico na USC contra a avaliación presencial

Os exames presenciais comezaron tras as festas de Nadal nas tres universidades galegas. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
O empeoramento da Covid-19 e a falta de medidas específicas para o ensino leva o alumnado universitario a reclamar diálogo e maior flexibilidade para a relaización dos exames de maneira telemática.

O alumnado da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de trasladarlle á reitoría a solicitude de convocatoria dun paro académico "desde o 18 de xaneiro até a finalización da apertura de actas do primeiro cuadrimestre ou até o cumprimento dos obxectivos" que fixan no seu aviso en contra dos exames presenciais.

As queixas do colectivo universitario galego precipitáronse ante o empeoramento da situación epidemiolóxica tras as festas de Nadal e o inicio do período de exames nas tres universidades da Galiza. Estudantes dos sete campus tentaron, sen éxito, que desde as súas respectivas facultades ofrecesen a posibilidade de realizar os exames de modo telemático, mais o único que conseguiron, ante a falta dun endurecemento das restricións no ensino foi que cada docente decidise sobre a modalidade da proba.

Aglomeracións e inseguridade

Ás protestas organizadas por diferentes colectivos de alumnado súmanse agora as dos estudantes da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC ao entender que malia o compromiso da institución para garantir a seguridade do alumnado "xa se deron casos de aglomeracións á entrada de parte dos exames que decorreron no centro".

Acusan a USC e aos docentes de desatender o diálogo cas representantes do estudantado e de "pouca organización" da mobilidade dentro da ETSE. E a maiores, láianse das dificultades de acceso a Compostela, "que obriga a romper os feches perimetrais e a facer uso do transporte público", co risco de contacto que implica.

Neste sentido, argumentan que os exames finais do curso pasado realizáronse de forma telemática "cunha incidencia menor á actual", polo que instan á Universidade "a valorar, dos que quedan, os exames que mellor se poden adaptar a esta modalidade sen prexudicar os obxectivos de avaliación de ningunha materia".

Solución dialogada

Ante a ausencia de diálogo o alumnado da ETSE avoga por convocar un paro académico que apoie os seus intereses. Non co obxectivo de que todas as materias se avalíen de forma presencial, senón de que as delegacións de cada curso poidan decidir sobre a mellor modalidade en comunicación co colectivo docente.

De non ser atendida a súa solicitude, "o paro académico continuará mentres non se ofreza unha solución a todos aqueles estudantes que decidan non asistir aos exames presenciais para que non lles afecte a avaliación".