Convocan unha manifestación para o día 23 contra a prórroga a Ence na Ría de Pontevedra

A Plataforma 2018, constituída por 32 colectivos sociais, ambientais e políticos, acusa á Xunta de regalar 3 anos máis á pasteira en Pontevedra coa finalidade de darlle unha nova prórroga de 75 anos.

O 23 de novembro unha manifestación nacional percorrerá Pontevedra para rexeitar a prórroga concedida pola Xunta a Ence-Elnosa, un “regalo”, en palabras da Plataforma 2018. o colectivo convocante da mobilización. Integrada por 32 colectivos e coa Asociación pola Defensa da Ría como trabe, esta Plataforma denuncia a “submisión” do goberno galego os intereses da pasteira.

A permanencia de Ence na Ría de Pontevedra máis alá de 2014 (“data fixada pola Xunta para o cese definitivo e irrevocábel da actividade) vai supor máis contaminación e máis prexuizos ambientais, económicos e sociais. Ademais, inciden na Plataforma, dunha posíbel “prevaricación” por parte da Consellería de Medio Ambiente.

Advirten, ademais, que esta “prórroga gratuíta” de 3 anos non é máis que o primeiro paso para facilitar “a consolidación definitiva de Ence-Elnosa en Lourizán” aproveitando a modificada Lei de Costas. Por iso, desde a Plataforma chámase a participar masivamente na manifestación do día 23 de novembro (sábado) en Pontevedra.