Convocan folga no Hospital do Barbanza pola "deterioración da calidade asistencial"

Delegados da CIG do Hospital do Barbanza en rolda de prensa (Foto: Nós Diario).
O persoal  está chamado a participar nunha folga de 24 horas a partir das 08 horas do 1 de setembro de 2022 e até o día 2.

O persoal de "todos os servizos" do Hospital do Barbanza, en Ribeira, está chamado a participar nunha folga de 24 horas a partir das 08 horas do 1 de setembro de 2022 e até o día 2.

A delegación da Confederación Intersindical Galega (CIG) no hospital ofreceu esta quinta feira unha rolda de prensa para presentar a convocatoria de folga perante a "deterioración progresiva da calidade asistencial", que atribúen á "dificultade de asumir, en moitas ocasións, a carga de traballo en condicións que non afecten dalgunha maneira a seguridade do paciente". 

Ademais, o sindicato nacionalista reivindica que hai que "protocolizar as presenzas mínimas" de persoal en cada servizo, o que implica saber "cal é o número máximo de pacientes hospitalizados" que debe atender cada facultativo de Medicina Interna nunha xornada de mañá ordinaria e "cal é a solución proposta" pola Xerencia da área Sanitaria de Santiago-Barbanza no caso de que se supere.

Así mesmo, a organización quere coñecer "cal é o número máximo de gardas por mes" que pode asumir cada facultativo de cada servizo, "cales son os meses" que Urxencias debe contar con tres médicos na quenda de noite (de 21 a 9) e "como asegurar a cobertura dos servizos profesionais" cando o traballador en cuestión estea de vacacións ou de permiso.

De igual modo, a CIG exixe "o pago inmediato" das horas de xornada complementaria realizadas no servizo de Urxencias durante o 2021 e que, segundo asegura, "están pendentes de pago".

Medicina interna

No caso concreto do servizo de Medicina Interna deste hospital, os sindicalistas denuncian que "desde hai meses" traballan en "situación de sobrecarga", en parte por unha "diminución" do persoal, xa que desde maio ten sete facultativos cando a unidade "conta con nove prazas estruturais".

Tamén aseguran os internistas que durante o verán "aínda é máis dramática a situación" debido ao turismo no Barbanza, con máis de 60 ingresados e picos que superan os 70 "cando as camas estruturais do servizo son 41", segundo as súas cifras. Por isto mesmo "foi obrigado o traslado de 18 pacientes" ata o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Neste contexto, cabe lembrar que o servizo de Medicina Interna da área Sanitaria de Santiago-Barbanza está descabezado desde a dimisión de Antonio Pose o pasado 29 de xuño.