MAñá áS 20H NAS CIDADES

Convocan concentracións contra o crime machista de Moraña

O movemento feminista galego convoca para mañá, domingo, concentracións en diferentes puntos de Galiza contra o crime que tivo lugar esta sexta feira (31 de xullo) en Moraña.

En rexeitamento do asasinato de dúas nenas a mans do seu pai que tivo lugar onte en Moraña, o feminismo galego convocou para mañá, domingo, concentracións nas cidades do país. Desta maneira  simbólica, as mulleres queren denunciar os valores patriarcais que se perpetúan e consolidan na sociedade. “Sairemos á rúa todos os días que fagan falta”, sinalan as convocantes, que advirten de que “non só as mulleres sufrimos violencia”. “As nosas crianzas son vítimas indirectas e, en ocasións coma esta, vítimas directas do machismo”, engaden.

O feminismo vén denunciando durante anos a instrumentalización das crianzas por parte dos seus pais para seguir perpetuando a violencia que sofren as nais. Deste xeito, os fillos e fillas son, frecuentemente, armas e vítimas da violencia e son usados e usadas para desacreditar a nai, para ameazala, para intimidala, e noutros casos, como testemuñas ou mesmo obxecto da violencia do home, como o caso de Moraña.

As mobilizacións terán lugar ás 20h na Coruña (Obelisco), Compostela (Praza 8 de Marzo), Vigo (Marco), Ferrol (Praza do Concello), en Ourense (Castañeira, Subdelegación do Goberno) e en Pontevedra (Praza 8 de Marzo).