Convocan concentración en Triacastela contra as touradas na vila

Manifestación contra as touradas en Pontevedra Foto: GZ Videos

A plataforma 'Lástima de bois' chama a secundar o acto “contra a barbarie”, que decorrerá este sábado ás 17:30 horas nunha praza portátil que, afirman algúns colectivos, carece de licenza.

Cada vez son menos as localidades galegas onde se realizan touradas. Unha delas é Triacastela, que esta fin de semana volverá acoller o que desde a plataforma 'Lástima de Bois' cualifican como “salvaxada” ou “barbarie”. Para rexeitar este tipo de 'espectáculos' con animais, a mencionada plataforma está a convocar unha concentración para este sábado, 22 de agosto, ás 17:30 horas. Fan un chamamento á veciñanza, a organizacións e colectivos a se sumar a esta mobilización. Polo de agora, o Bloque xa anunciou publicamente que secundaría a concentración, algo que tamén fixo Isca.

“As veciñas e veciños de Triacastela contarias á celebración desta barbarie piden apoio para facer escoitar a súa voz fronte a imposición desta salvaxada. Por favor, non os deixemos sos. Paremos esta brutalidade que nada pinta en Lugo”, afirman desde o Facebook 'Triacastela, livre de touradas'.

“¿Quieres unas hostias?”

No FB de 'Galiza mellor sen touradas' informan de que cando un activista estaba a sacar fotografías da instalación da praza de touros portátil foi insultado e ameazado por algunhas persoas. Este colectivo afirma nun post que esa praza “carecía de licencia urbanística”.