Convocan unha concentración silenciosa fronte á Xunta na defensa do ensino público

Edificio central da Xunta en San Caetano, en Compostela.

A Plataforma #OPOñomeaestaOPO chama á participación.

A Plataforma #OPOñomeaestaOPO convocou unha concentración silenciosa para esta sexta feira, día 3, fronte á sede central da Xunta, en San Caetano (Compostela), na defensa do ensino público.

“Dadas as últimas noticias anunciadas dende a Xunta cara ao inicio de curso 2020-2021, non podemos máis que pórnos en pé unha vez máis. Dende a plataforma esiximos que se garantan uns dereitos mínimos ao alumnado, familias e docentes”, sinalan nun comunicado.

Entre as demandas que defenden sitúan o aumento de profesorado, a rectificación no referido á eliminación de liñas educativas no ensino ou instar ao Goberno a tomar “medidas específicas e claras de cara o vindeiro curso para propiciar unha óptima preparación docente”.

A plataforma incide en que “será de obrigado cumprimento o uso de sistemas de protección individual (máscaras ou pantallas) e a distinta social de seguridade de 1,5 metros entre as persoas asistentes”.