"Liberar a Chousa da Eira": convocan unha arrancada de eucaliptos en Agolada

A Fundación Eira e a Asociación para a defensa ecolóxica da Galiza (Adega) – colectivos que fan parte de Cousa de Raíces- convocan este sábado 27 de xaneiro unha arrincada de eucaliptos nos terreos que cuestionan estas entidades arredor do equipamento da Eira da Xoana, en Agolada.

 

Calquera persoa poderá participar nesta actividade, cuxo obxectivo será liberar a Chousa da Eira de eucaliptos. Recoméndase levar roupa adecuada. As ferramentas facilitaranse alí mesmo.
 

Na actividade tamén se recollerán sinaturas de apoio á ILP polo Bosque Galego. Esta iniciativa lexislativa popular “para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais” ten como obxectivo conseguir que chegue ao Parlamento co maior respaldo social acadado nunca por unha ILP.

 

O eucalipto, afirman, espallouse até atinxir máis de medio millón de hectáreas –17% do territorio galego-. “Pero non o fixo soa. A colonización dos nosos montes viu auspiciada por unhas políticas planificadas e perversas de abandono do medio rural e das terras agrarias para a súa posterior eucaliptización, até o de agora para abastecer a ENCE mais, a partir de agora, tamén para alimentar as plantas de biomasa”.