Vía Galega chama as afeccións de Celta e Dépor a lucir en #Onosoderbi “a nosa bandeira nacional”

"Fagamos do noso derbi unha festa de irmandade e de defensa e afirmación da nosa bandeira nacional. Porque é a bandeira que nos une”, anima nun comunicado a plataforma Vía Galega

A Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de GalizaVía Galega’ fai un chamamento ás afeccións do Celta e do Deportivo para que este sábado Balaídos, onde se desputa #Onosoderbi, estea repleto de bandeiras e símbolos nacionais de Galiza.  “Sexamos celtistas ou deportivistas, sentímonos ante todo galegos e galegas. Fagamos do noso derbi unha festa de irmandade e de defensa e afirmación da nosa bandeira nacional. Porque é a bandeira que nos une”, indican no comunicado

 

Vía Galega considera que nestes anos estase a dar “de xeito sistemático” una criminalización da simboloxía nacional galega en recintos deportivos. A requisa de bandeiras galegas coa estrela vermella, camisolas con símbolos nacionais por parte de axentes das forzas de seguridade ou gardas de seguridade dos estadiso é, afirman, “unha censura de feito ao uso da nosa simboloxía nacional”.

 

Vía Galega nega que a simboloxía galega poida ser interpretada (como se argumenta nas requisas) como incitación á violencia. “É evidente que os nosos símbolos nacionais nin incitan a violencia, nin constitúen ningunha expresión de racismo, xenofobia ou intolerancia.  O que si é unha mostra de racismo, intolerancia e xenofobia, por parte do Goberno español, é conculcar dereitos básicos como a liberdade de expresión para impedir e reprimir a manifestación de sentimentos pacíficos e lexítimos, criminalizando o uso de distintivos de afirmación da identidade galega ou de calquer sentimento de pertenza nacional distinto do español”.