Convocan o 14N unha folga estudantil contra o machismo

Simpatizantes do Sindicato de Estudantes nunha marcha na Coruña

O Sindicato de Estudantes, xunto co colectivo Libres y Combativas convoca para este 14 de novembro unha folga xeral estudantil co lema “Fóra o machismo das nosas aulas”. As principais manifestacións en Galiza terán lugar ás 12 da mañá na Coruña, Ferrol, Vigo e Lugo. 

 

Dende a organización, esixen “a posta en marcha inmediata dunha materia de educación sexual inclusiva, avaliable e obrigatoria” que se imparta en todos os centros de estudo, tanto públicos coma privados, e orientada para o ensino primario, secundaria, bacharelato e formación profesional. 

 

Esta materia, explican, tería o obxectivo de “educar en liberdade, contra o machismo, os malos tratos e a cultura da violación, contra a homofobia e a transfobia”.

 

Ademais, demandan ao goberno de Pedro Sánchez “a creación dun Decreto Lei que elimine de maneira inmediata calquera normativa interna dos centros de estudo referente á forma de vestir e que recolla explicitamente o respecto á liberdade sexual de todas as persoas”.

 

Por último, defenden que “non botamos ao goberno de Raxoi para que todo siga igual” e avogan pola derrogación inmediata da LOMCE, a revogación de todos os recortes educativos e a gratuidade do ensino público dende infantil até á universidade.