Convocado III premio de xornalismo Manuel Lueiro Rey

Lueiro Rey

Convocado polo Concello de Fornelos, está dedicado a artigos xornalísticos de denuncia social.

O Concello de Fornelos vén de convocar a terceira edición do premio de xornalismo Manuel Lueiro Rey, un galardón que quer honrar o legado do escritor ao tempo que contribúe á promoción xornalística en galego.

Poderán concorrer a este certame todas as persoas que o desexen e cada participante deberá facelo cun único artigo. Os artigos serán inéditos, deberán estar escritos en galego e estaren redactados nun estilo xornalístico de carácter divulgativo e/ou de opinión no ámbito da denuncia social.

Os artigos presentados deberán ter entre 2.500 e 3.500 caracteres con espazos incluídos (entre 450 e 600 palabras, aproximadamente). O prazo de presentación rematará o día 31 de agosto de 2019. A dotación do premio único e indivisíbel que será de 1.000 euros. Máis información, na web do Concello de Fornelos.