ESTA SEGUNDA FEIRA

Convocadas concentracións contra o feminicidio de Pontesampaio

O movemento feminista convocou concentracións de protesta contra o crime machista que tivo lugar o sábado na parroquia pontevedresa de Pontesampaio e tamén o de Fuengirola. Esta mañá tivo lugar unha mobilización convocada pola veciñanza.

Baixo o lema “Xuntas remataremos co patriarcado criminal”, o movemento feminista galego convocou para mañá, 26 de outubro, concentracións en repulsa do feminicidio de Conchi Reguera Peón, muller de 38 anos, o sábado en Pontesampaio (parroquia de Pontevedra). Tamén se mobilizan polo caso de violencia machista de Fuengirola, tamén acontecido o sábado, no que resultou asasinada unha muller finlandesa de 36 anos.

As concentracións terán lugar ás 20h na Coruña (Obelisco), Compostela (Porta do Camiño), Ferrol (Praza do Concello), Lugo (Praza do Concello), Ourense (Castañeira, diante da Subdelegación do Goberno), Pontevedra (rúa Rosalía de Castro, diante da Audiencia Provincial) e Vigo (Marco).

Medio milleiro de persoas claman contra a violencia de xénero

“Non morreu, foi asasinada”, clamou a veciñanza, que lle pediu respecto aos medios de comunicación

Perto de 500 persoas, segundo datos da organización, acudiron á chamada da veciñanza de Pontesampaio para se concentrar este domingo contra o asasinato de Conchi. Segundo puido saber Sermos Galiza, no manifesto lido por Lupe Vidal, veciña e amiga da falecida, apelouse a rematar co machismo e advertiuse da importancia das palabras. “Non morreu, foi asasinada”, clamou a veciñanza, que lle pediu respecto aos medios de comunicación.

Entre as persoas que participaron na concentración atopábase boa do Goberno municipal de Pontevedra, concello ao que pertence Pontesampaio, a parlamentar do BNG Montse Prado, o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e membros da Corporación Municipal de Soutomaior, lugar do que é natural o detido polo asasinato de Conchi. Precisamente, o xuíz vén de declarar prisión provisional e sen fianza para o autor do crime de Pontesampaio.