Convocada para este domingo unha concentración en Vigo en repulsa do crime machista de Oroso

Escena do crime en Sigüeiro, Oroso (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
A concentración será ás 19 horas diante do Museo de Arte Contemporánea (MARCO).

O Feminismo Unitario de Vigo convocou este domingo unha concentración para rexeitar o crime machista ocorrido na pasada sexta feira  no concello de Oroso.

Segundo informan nun comunicado, a concentración será ás 19 horas diante do Museo de Arte Contemporánea (MARCO) e chamaron á mobilización para reclamar a todos os poderes do Estado "que tomen cantas medidas sexan necesarias para frear o terrorismo machista". 

 

 

Así mesmo, o sábado, veciños de Oroso e da corporación municipal que preside o alcalde, Alex Doval, gardaron ás 12 horas un minuto de silencio ante a Casa do Concello en memoria da vítima.

Alí, Doval lanzou unha invitación á "reflexión colectiva". "A promoción da igualdade entre homes e mulleres, a súa construción real e efectiva, corresponde a todos", sinalou.

A Garda Civil confirmou, a sexta feira, que o home de 88 anos matou cun coitelo á súa muller de 80 e despois suicidouse. Os cadáveres foron atopados pola nora cando chegou á vivenda, situada na rúa Castaños.